2013

Actividades na igrexa de San Pedro de Moreiras, Toén (Ourense) o pasado 8 de decembro

A igrexa de San Pedro de Moreiras acolleu a última actuación do ciclo Monumenta. Nesta ocasión, os rapaces e as rapazas de Toén construíron o seu propio retablo no lugar onde actualmente traballa o equipo de restauración. Da man da restauradora Carlota López, coñeceron os procesos que se están levando a cabo neste gran retablo renacentista. En paralelo, a actuación da Rondalla de Moreiras “A.C. Breogán” durante o oficio relixioso.

Despois dos obradoiros, Belén Bermejo e Ariel Ninas fixeron unha performance sonora con  campás, cuncas tibetanas e zanfona xunto co recitado de cancións en lingua occitana.

Para rematar, os asistentes gozaron da actuación do grupo S@X21, cunha orixinal adaptación da música do Renacemento.

2013

Actividades na igrexa de Santa Cruz de Terroso, Vilardevós (Ourense) o pasado 7 de decembro

A tarde en Terroso de Vilardevós (Ourense) comezou cun faladoiro no adro da igrexa cos veciños e veciñas do lugar onde os máis maiores lembraron tradicións e historias relacionadas coa igrexa.

Dentro da programación, a sesión teatral do grupo “Os Quinquilláns”congregou a máis de setenta persoas, que se achegaron a escoitar as historias do contrabando na fronteira con Portugal.

Xa no interior da igrexa de Santa Cruz, homenaxeouse a figura do compositor Ángel Barja Iglesias, natural de Terroso, cun concerto acústico a cargo dun cuarteto de corda do Conservatorio de Vigo que interpretaron o Cuarteto de corda nº 1 en Re maior do falecido músico.

O acto rematou coas actuacións de dous veciños,  dona Concha, de 91 anos, que interpretou un canto que antigamente acompañaba á procesión de Venres Santo en Terroso e de Berto que interpretou unha panxoliña acompañado da súa guitarra.

2013

Actividades na igrexa do Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá (Lugo) o pasado 1 de decembro

A redor de 22 nenos e nenas asistiron o domingo pola mañá aos obradoiros de restauración que se centraron esta vez nas fachadas, por ser a obra de restauración levada a cabo na igrexa de San Salvador de Lourenzá.

A actuación das cinco da tarde, “Unha faba, unha vida…”, ofreceu unha performance músico-poética de UgMove, isto é, Ugía Pedreira e Marina Oural Villapol, na que as dúas artistas uniron o seu traballo nunha palabra.

2013

Actividades no Mosteiro de San Xusto de Toxos Outos, Lousame (A Coruña) o pasado 30 de novembro

Sete familias achegáronse o sábado a este mosteiro cisterciense fundado en 1131 para participar nos obradoiros de restauración onde, unha vez máis, pequenos e maiores aprenderon diferentes técnicas e fases relacionados con este proceso.

Ás 17:30 deu comezo o concerto de música antiga do grupo 1500, cun repertorio que toma como referente central o ano 1500. Dirixido por Andrés Díaz, 1500 é unha formación vocal e instrumental e os seus membros contan cunha ampla traxectoria concertística.