TOURÓN

COMO CHEGAR: Tourón, Ponte Caldelas (Pontevedra). Desde Ponte Caldelas, cómpre tomar a estrada autonómica PO-532, dirección Pontevedra, e seguir a sinalización cara ao centro arqueolóxico.

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO. A área arqueolóxica de Tourón é un dos complexos de arte rupestre ao aire libre máis singulares de Galicia. Con máis de 15 hectáreas de extensión, ofrece a posibilidade de visitar cinco estacións rupestres onde se poden ver petróglifos e gravados sobre rocha que datan do Neolítico final – Idade de Bronce. Durante a ruta, repararemos noutros elementos culturais situados ao longo do camiño; e desde os dous miradoiros poderemos observar a paisaxe circundante.

20.00 MONUMENTA DIVULGA. Visita ao centro de interpretación.
20.30 FALADOIRO MONUMENTA. O comisario de arte contemporánea Ángel Cerviño e o artista sonoro Carlos Suárez falarannos da relación entre natureza e arte no século XXI.
21.00 MONUMENTA EN CONCERTO. Leilía en concerto no pavillón do CEIP Manuel Cordo Boullosa. Cambio de ubicación por causas climatolóxicas
22.00 ANDAR CON ARTE. Entre lusco e fusco, visita guiada polo arqueólogo Santiago Vázquez Collazo á area arqueolóxica e visionado nocturno dos petróglifos. Ademais, Pablo Martínez Alemparte, arqueólogo e especialista en astronomía, guiaranos polo firmamento e axudaranos a establecer conexións co xacemento.

Leilía

LEILÍA
O grupo nace en 1989 da man de seis mulleres co propósito de recuperar do esquecemento a música de tradición oral de Galicia. Daquela, foi unha aposta pioneira e atrevida, que axiña tivo a súa recompensa internacional grazas á súa beleza e singularidade. Na actualidade, Leilía é un referente tanto para os que queren achegarse á música orixinal de Galicia como para os que buscan a fusión da tradición con sons e instrumentos contemporáneos. Máis de 25 anossobre os escenarios, cinco discos publicados, unha chea de colaboracións con artistas e grupos como KepaJunquera, Milladoiro, Emilio Cao, Os Diplomáticos de Monte Alto ou Budiño, e ducias de concertos por todo o mundo.