Actividades na igrexa de San Miguel de Osmo, Cenlle (Ourense) o pasado 16 de novembro

A actividade comezou coa visita ás pinturas murais recuperadas na sacristía e na nave da igrexa de San Miguel. Inmediatamente despois, os asistentes participaron dun obradoiro sobre restauración de pinturas onde recibiron explicacións prácticas con recreacións dos tres momentos principais desta restauración: desencalado, limpeza e reintegración cromática das pinturas. No faladoiro posterior cos veciños e coas veciñas recolléronse as lembranzas vinculadas ao lugar a través dunha conversa interxeneracional na cal os máis novos puideron achegarse ao patrimonio colectivo dende a ollada e a memoria dos seus maiores.

As 17:30 tivo lugar o concerto da Rondalla Alfaia de Cenlle. Este grupo de músicos está formado por doce membros dirixidos por D. Francisco Villalonga Baños, un profesional da música con máis de corenta anos de experiencia na ensinanza dos instrumentos de pulso e púa.