As trobadoras e trobadores de Monumenta 2018

A principal novidade de Monumenta 2018 é a integración da música ambulante en todos os percorridos. Recuperamos así unha tradición que xa aparecía naqueles tempos da mitoloxía e a literatura oral, cando os primeiros poboadores comezaron a cantarlles aos bosques e aos animais para, despois de protexer o mundo coa música, botarse a descansar. Chamámoslle Monumenta escoita e participarán ata sete artistas en formato acústico.

2. Os alicerces da botánica e a meteoroloxía galega: da Pasaxe á Guarda co pai Baltasar Merino
MONUMENTA ESCOITA A MJ PÉREZ.
MJ Pérez é unha das novas voces do panorama actual da música galega que está pisando forte. Logo de dous discos autoproducidos e de case 100 concertos por toda Galicia, agora presenta Casandra. Trátase do terceiro disco, e o primeiro de estudio, da artista arzuá, no que ademais conta con colaboracións especiais como son Paco Cerdeira, Ailén Kendelman ou Richi Casás.

3. O oceano desde a costa de Ángeles Alvariño
MONUMENTA ESCOITA A ARIEL NINAS E ANXO FARALDO.
Ariel Ninas e Anxo Faraldo comezan a traballar xuntos en 2010 nunha relación na que a sonoridade acústica e a evocación da tradición se mesturan coa electrónica máis cirúrxica e minimalista, sen comprometer as súas identidades orixinais. Para este evento, baixo o faro de Valdoviño, preparan unha peza a medio camiño entre instalación e concerto, para o que aproveitan a peculiaridade da sonoridade e a memoria deste lugar.

4. Meigas e feitizos con Gustav Henningsen
MONUMENTA ESCOITA A TRALO-VALO
Tralo-Valo é o dúo da tocadora Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas,
que interpretarán cancións do repertorio gravado polo antropólogo G. Henningsen
en Galicia (1964-1968), fundamentalmente da bisbarra de Terra de Ordes. Música de matriz patrimonial que se conservou ao longo de xeracións florece agora coa forza da tradición oral: muiñeiras, pateados, romances, cancións de andar o camiño, alalás, agarrados.

5. O Camiño Real a San Pedro de Rocas
MONUMENTA ESCOITA OS AMIGOS DOS MÚSICOS
Desde Ourense uníronse os talentos de experimentados músicos que formaran parte de Niño y Pistola, Blood Filloas, O Sonoro Maxín, Annie Hall, Haecceidad ou Cinnamon Gun. Nestes anos acadaron premios como a mellor banda de pop nos Premios Martín Códax da Música Galega 2017, ademais de ser finalistas dos Premios min 2017 na categoría de mellor álbum en galego polo LP Os amigos dos músicos (2016).

6. Emilia Pardo Bazán e os Pazos de Ulloa
MONUMENTA ESCOITA A FRANCISCO ROMUALDO
Francisco Romualdo é un espléndido contacontos que, coa zanfona e o poderío máxico da súa voz, percorre Galicia cos cantos e romances de cego.

7. O patrimonio industrial nos Peares
MONUMENTA ESCOITA A SON TRÍO
Son Trío é un grupo feminino de Vigo que une tres novas mulleres con moi ampla experiencia artística por separado. Formado en 2017 por Katerina Linke (piano e composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello), acaba de estrear cunha fantástica acollida o proxecto Miña almiña, baseado nos versos de Rosalía de Castro e con música orixinal.

8. Urbano Lugrís e o Parque Nacional das Illas Atlánticas
MONUMENTA ESCOITA A DOUS
Dous son un grupo de música popular en toda a extensión da etiqueta. Sons da terra concentrados ao redor de dous músicos, Fernando Abreu e Pablo Carrera. Cando se escoitan as súas cancións en directo, dous recórdannos que este planeta é tan grande, ou pequeno, como sexamos capaces de imaxinar.

TEMAS: