2013, Igrexas

Igrexa da Santa Cruz de Terroso. Vilardevós (Ourense) 7 de decembro

Existen indicios de que esta igrexa foi erixida no ano 1893. Situada no interior do vilar, rodeada dun adro delimitado por muros de cachote, é un templo de estilo historicista, de trazas sinxelas e amplos espazos para o culto.

16:30 Faladoiro cos veciños e veciñas nos que se recollerán, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar

17:00 Teatro de rúa, para todos os públicos, cunha recreación histórica co Grupo de Teatro Os Quinquilláns

17:30 Concerto acústico homenaxe a Ángel Barja Iglesias  a cargo dun cuarteto de corda do Conservatorio de Vigo

 

Tras un tempo de conversa para recuperar e compartir a memoria do lugar vinculada á igrexa de Santa Cruz, Monumenta convida a unha sesión de 20 minutos co grupo “Os Quinquilláns – Teatro” na que os espectadores se achegan á historia do lugar, ao seu xeito de vida, os seus conflitos…

Sinopse: ELVIRA está alindando na VACA arredor da igrexa. ELVIRA pretende que a vaca non se achegue á xente e que atenda a pacer, pero A VACA quere contarlle a historia da igrexa e moitos dos aconteceres que hai alí. Cando a xente atende a VACA, ELVIRA móstralles moitas das herbas e remedios menciñeiros que hai arredor da igrexa e do avogosas que foron moitas santas para moitas enfermidades…

E para pechar a xornada, concerto do cuarteto de Corda do conservatorio de Vigo. Mario Peris Salom, Manuel Antonio Sabuedo Maña, David López López e
Beatriz Laborda interpretarán o Cuarteto de corda nº 1 en Re maior (1969)  do  falecido Ángel Barja Iglesias, natural de Terroso. Este músico, ao longo da súa prolífica carreira, este escribiu  música sinfónica, de cámara, para piano, para órgano e máis de douscentos títulos de música coral e vocal en castelán, francés, italiano, latín, galego, catalán e éuscaro.

2013, Igrexas

Igrexa de San Pedro de Moreiras. Toén (Ourense) 8 de decembro

Esta monumental igrexa rural do século XVIII, de orixe románica, conta cunha fachada de decoración barroca rematada por dúas torres desiguais de traza renacentista. No interior, trabállase na restauración do retablo de santa María, obra renacentista de gran valor patrimonial, datado arredor do século XV e situado no brazo esquerdo do cruceiro.

11:00 Obradoiros infantís sobre a restauración de retablos

Micro concerto para campás, cuncas tibetanas e zanfona con Ariel Ninas

As campás da igrexa, elementos comunicativos centrípetos na cultura occidental (Murray Schafer, The tunning of the world, 1977), aínda gardan na memoria colectiva un importante oco na nosa imaxinación. Aínda máis as campás da parroquia rural. Despois dos obradoiros infantís, seguindo este dito sobre as campás de Toén, Ariel Ninas propón un micro concerto de 15′ para campás, cuncas tibetanas e zanfona buscando a complicidade do espectador e “chamar á oración” ao ouvinte coa intención de forzar a inmersión sonora na súa escoita con estes instrumentos de cativadoras propiedades psicoacústicas.

12:30 Concerto acústico de S@X 21 en formato dúo

S@X 21 son Diego García, Nacho Casas, Pablo Coello e Rafael Yebra. Profesores de saxofón dos distintos Conservatorios de Galicia e da Escola Municipal de Ourense e das Bandas de Música de Ourense e Santiago. Mais aló da tradicional concepción do cuarteto de saxofóns, eles traballan en múltiples combinacións e permutacións instrumentais segundo as diferentes posibilidades do programa. Nesta oportunidade, en formato dúo, a música que interpretarán son transcricións de música do Renacemento adaptadas para  un instrumento máis novo como o saxofón, emulando así unha restauración musical para esta actuación en San Pedro de Moreiras, cun retablo  do século XV.