2018, Natureza, Paisaxe, Patrimonio

5. O Camiño Real a San Pedro de Rocas

DATOS

Día: domingo 19 de agosto
Hora de saída:
10:30 h
Hora de regreso estimada: 14:30 h
Distancia: 3 km ida e 3 km volta
Dificultade: baixa
Observacións: case todo o percorrido transcorre por un camiño de monte, co chan irregular de pedra que non presenta dificultades, pero require prestar especial atención para non tropezar e caer.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Esgos. Praza do Cruceiro, 32720. Esgos.

COMO CHEGAR: desde A Guarda, na subida ao monte Trega, débese coller a avenida Paseo Portugal.
Ligazón: https://goo.gl/maps/izix7nrhs6n

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
En edicións anteriores, despois de coñecer Santa Eulalia de Bóveda (Monumenta 2015) e Santa Mariña de Augas Santas (Monumenta 2017), faltábanos esta visita ao que está considerado o terceiro centro dos inicios do cristianismo e da vida monástica en Galicia. Este templo excepcional será a derradeira parada dun percorrido polo chamado Camiño Real, que desde Esgos aínda conserva o seu pavimento, as marcas das carruaxes e, sobre todo, o paso do tempo entre unha vexetación desbordante e fermosa.

MONUMENTA DIVULGA
Repasaremos a historia dos camiños: desde as vías romanas e as vías mediavais, ata os camiños reais, que deron lugar a parte das estradas da actualidade. Falaremos das árbores, muros, penedos e petos de ánimas protagonistas desta obra mestra dos camiños galegos. Esta viaxe rematará coa visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas, estreitamente relacionado co evanxelizador da época sueva San Martiño Dumiense desde o ano 573. Polo tanto, foi un dos primeiros da Rivoyra Sacrata e o máis antigo que se conserva en Galicia.

MONUMENTA ESCOITA
Desde Ourense uníronse os talentos de experimentados músicos que formaran parte de Niño y Pistola, Blood Filloas, O Sonoro Maxín, Annie Hall, Haecceidad ou Cinnamon Gun e agora son Os Amigos dos Músicos. Nestes anos acadaron premios como a mellor banda de pop nos Premios Martín Códax da Música Galega 2017, ademais de ser finalistas dos Premios min 2017 na categoría de mellor álbum en galego polo LP Os amigos dos músicos (2016).

  • Prazas limitadas a 90 persoas. Admisión por orde de inscrición

 

  • Formulario de inscrición para esta andaina do 08 ao 17 de agosto

 

2018, Camiñantes históricos, Ciencia, Natureza, Paisaxe

3. O océano desde a costa de Ángeles Alvariño

DATOS

Día: domingo 12 de agosto
Hora de saída:
11:00 h
Hora de regreso estimada: 14:30 h
Distancia: 5,3 km
Dificultade: baixa
Observacións: a maior parte do traxecto discorrerá por áreas dunares, plataformas rochosas e cantís de distinta altura. O percorrido non require esforzos notables, pero merece precaucións tanto pola perigosidade intrínseca das propias vertentes rochosas como polo potencial dano ao fráxil ecosistema atravesado. Por iso, será imprescindible respectar o tránsito polas sendas elixidas.

Normas específicas:
http://monumentagalicia.com/normas-especificas-para-andainas. 

COMO CHEGAR: desde Ferrol, séguese a AC-116 en dirección Cedeira ata o km 9 e, a continuación, débese coller un desvío á esquerda cara ás proximidades do faro de Meirás. Uns 100 metros despois do campo de fútbol do Meirás, cómpre xirar á esquerda para estacionar na explanada da praia dos Botes.

Ligazónhttps://goo.gl/maps/1vriVck7Y182

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
Ángeles Alvariño (1916-2005), serantega e ferrolá, loitou contra as dificultades de ser científica e muller para converterse nunha das oceanógrafas máis brillantes do país e acadar, desde a súa diáspora norteamericana, unha repercusión internacional sen precedentes. Na súa prolífica investigación, que comezou en España e proseguiu en Gran Bretaña e Estados Unidos, destacou o estudo do zooplancto e a súa importancia como indicador nos ecosistemas mariños e os caracteres oceanográficos asociados.

MONUMENTA DIVULGA
A interpretación dos océanos desde a costa serviranos para bosquexar a vida e a obra da oceanógrafa máis importante que deu Galicia. Malia que Ángeles Alvariño desenvolveu a súa investigación no océano, nesta viaxe interpretaremos o medio mariño desde o continente centrándonos na interacción e na súa importancia nas nosas vidas. A biodiversidade, a relación entre a atmosfera, o océano e as nosas actividades diarias, o patrimonio material e inmaterial derivado e a explicación da formación da orixinal paisaxe deste sector da costa galega acompañarán as notas que, sobre a vida e a obra de Ángeles Vilariño, permitirán entender o valor do seu labor científico e o seu afán de superación persoal.

MONUMENTA ESCOITA
Ariel Ninas e Anxo Faraldo comezan a traballar xuntos en 2010 nunha relación na que a sonoridade acústica e a evocación da tradición se mesturan coa electrónica máis cirúrxica e minimalista, sen comprometer as súas identidades orixinais. Para este evento, baixo o faro de Valdoviño, preparan unha peza a medio camiño entre instalación e concerto, para o que aproveitan a peculiaridade da sonoridade e a memoria deste lugar.

  • Prazas limitadas a 75 persoas. Admisión por orde de inscrición.

 

  • AS PRAZAS PARA ESTA ANDAINA XA ESTÁN CUBERTAS. MOITAS GRAZAS 

 

2018, Natureza, Patrimonio

1. A muralla de Lugo: patrimonio da humanidade e fogar dos vencellos

DATOS

Día: sábado 4 de agosto
Hora de saída:
11:00 h
Hora de regreso estimada: 14:00h
Distancia: 2,266 km
Dificultade: baixa
Itinerario: comezaremos o itinerario na Domus do Mitreo e percorreremos integramente a muralla.
Punto de encontro: Porta de Santiago, Domus do Mitreo. Praza Pío XII, 4, Lugo.

Ligazón: https://goo.gl/maps/mp7qtxuoVps

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
A muralla de Lugo celebra en novembro de 2018 18 anos como patrimonio da humanidade. Con esta declaración produciuse unha transformación na percepción do monumento, que pasou de ser considerado un obstáculo para o crecemento urbanístico de Lugo a converterse nun factor de desenvolvemento da cidade. A conservación da muralla supuxo un reto, que impulsa cada ano novas investigacións en diferentes áreas do coñecemento, por exemplo, o patrimonio natural.

MONUMENTA DIVULGA
A construción da muralla romana introduciu cambios na fisionomía da cidade antiga. Algúns edificios quedaron cortados polo seu trazado, como sucedeu coa Domus do Mitreo, punto de partida da andaina. Ao longo do percorrido, poderemos observar os cambios urbanísticos que se produciron na contorna da muralla nestes últimos anos, as intervencións arqueolóxicas ligadas á súa conservación e os novos modos de integrar o patrimonio natural no patrimonio cultural, porque os vencellos aniñan entre as súas pedras e son parte da mesma paisaxe.

INSCRICIÓN

  • Prazas limitadas a 80 persoas. Admisión por orde de inscrición 
  • Formulario de inscrición para esta andaina do 30 de xullo ao 03 de agosto