Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño. Chantada (Lugo) 17 de novembro

Construída entre os séculos XII e XIII, nesta igrexa románica de Nogueira de Miño destacan as pinturas murais de influencia italiana de mediados do século XVI, realizadas ao fresco. Coa actual intervención de recuperación, o Xuízo Final que decora o muro norte do templo desvélase como un dos máis importantes ciclos pictóricos da Idade Moderna galega, que destaca especialmente pola súa orixinalidade e integridade iconográfica, así como pola súa alta calidade estilística.

16:30 Obradoiros para familias sobre restauración de pinturas e Faladoiro cos veciños e veciñas nos que se recolleran, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar

17:30 Concerto da Coral Polifónica de Chantada

Entrevista e diálogos coa coral a cargo de Xurxo Souto

A programación de Monumenta en Santa María de Miño convida a achegarse a primeira hora da tarde ao labor de recuperación das pinturas desta igrexa de Chantada. O encontro permitirá tamén compartir a memoria das vivencias vinculadas a este lugar.

Unha hora despois, a música vén da man da Coral Polifónica de Chantada. Esta agrupación musical foi fundada en xullo de 1964 polos veciños de Chantada xunto co  párroco Modesto Fernández Rodríguez, que foi director da Coral ata 1992. Na actualidade conta con 34 compoñentes que traballan baixo a dirección de Marcos Fernández Varela, veciño da localidade.

Ao remate da actuación, Xurxo Souto, cantante, acordeonista, escritor, locutor e licenciado en filoloxía clásica, establecerá un diálogo cos integrantes da coral que permitirá afondar no traballo desta.