IGREXA DE NOIA

COMO CHEGAR: Noia (A Coruña). Desde Santiago de Compostela, autovía AG-56 e comarcal AC-550.
Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO. Noia conta cunha fermosa zona histórica froito do apoxeo medieval e das actividades mercantís e pesqueiras da vila. Nela destacan dúas xoias de estilo gótico mariñeiro, a igrexa de Santa María a Nova, que acolle a mellor colección de lápidas gremiais e nobiliarias da Idade Media e Moderna, e a igrexa de San Martiño de Noia, cunha espectacular fachada de grandes figuras escultóricas. A vila histórica conserva, ademais, diferentes casas con brasón, corredores e galerías. Bo exemplo disto son o pazo Dacosta, o pazo da Rúa do Forno do Rato, a casa da Xouba, a casa do Rosa ou a casa do Senra, xa de estilo barroco.
19.30 MONUMENTA DIVULGA. Acompañados pola arqueóloga municipal Ana Filgueira, visitaremos a igrexa de Santa María a Nova, o museo de laudas gremiais e o seu cemiterio, para facer voar a imaxinación e evocar tempos pretéritos.
20.30 FALADOIRO MONUMENTA. O xornalista e músico Xurxo Souto realizará unha fermosa “barriografía” de Noia en conversa con diferentes veciñas e veciños protagonistas da actualidade cultural e social de Noia.
21.30 MONUMENTA EN CONCERTO. Talabarte Trío rematará a xornada cun concerto moi especial na praza do Tapal.

Talabarte Trío

TALABARTE
Son tres músicos procedentes de bandas como Berrogüetto, Marful e Susana Seivane. O violín de QuimFarinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García son xa indispensables dentro da escena musical galega. Xuntos propoñen unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes. Talabarte deulle unha nova dimensión á música galega, partindo da bagaxe musical dos seus integrantes, cunha proposta que atravesa fronteiras, pasando polos sons do leste europeo e o Mediterráneo.Contemporaneidade e tradición nun concerto diferente, para alegrar os pés, as ideas e o resto dos sentidos.