Valorar o patrimonio significa facernos recordar algo que é evidente pero que, como todas as cousas que están aí de sempre, perante nós, pode pasar desapercibido: o patrimonio é valioso. “Valor”, etimoloxicamente, remite avalere  “ser forte”. Polo tanto, poñer en valor o patrimonio sería tamén, dunha forma simbólica, “facer forte” o noso patrimonio.

A nosa actividade pretende fortalecer o patrimonio da única forma posible: achegándoo á cidadanía de xeito que re-descubramos o que temos colectivamente. Parte do sentido deste reencontro é facer unha celebración, un acontecemento para coñecer e gozar o noso patrimonio.

A participación dos asistentes é, polo tanto, o núcleo central da programación de Monumenta e a garantía de que son eses vínculos das persoas co patrimonio o que vai garantir a nosa protección e valoración colectiva. De aí que boa parte da actividade dos obradoiros estea enfocada a buscar na memoria colectiva os nexos persoais, o vínculo afectivo entre a propia vida e a memoria do existente.

A conservación o patrimonio pasa pola súa vivencia, por establecer unha conexión persoal entre vida e paisaxe cultural. Se eses vínculos se manteñen, o seu coidado tórnase algo natural.