Santuario das Ermidas e Castelo. O Bolo (Ourense)_sábado 21 de xuño

O santuario da Nosa Señora das Ermidas é un dos máis destacados centros de peregrinación de Galicia. Trátase dun conxunto de edificios que foron construídos en varias fases desde 1624. A fachada do santuario, flanqueada por dúas torres, é unha das mellores obras do barroco galego. Monumenta convídanos a percorrer os camiños do lugar, para achegármonos ao seu patrimonio desde unha perspectiva diferente e participativa.

18.00MONUMENTA DIVULGA. Visita guiada ao castelo do Bolo onde coñeceremos a súa historia e as súas características.

18.30 ANDAR CON ARTE. Unha andaina entre o castelo e As Ermidas. Percorreremos os antigos camiños dos veciños, con parada en varios pasos do viacrucis para escoitar as explicacións culturais, ata chegarmos ás Ermidas.

19.30 MONUMENTA EDUCA. No santuario das Ermidas presentaranse os traballos realizados polo alumnado do CEIP do Bolo.

20.00 MONUMENTA EN CONCERTO. Unha dobre sesión de música nun contorno excepcional.

Son do Sil, procedente do Barco de Valdeorras, tráenos a súa interpretación potente e singular da música popular da man dos seus numerosos integrantes.
Eles abrirán paso para a voz de Uxía Senlle, que nos trasladará polos seus cálidos e salgados universos musicais, coa calidade e o saber de 27 anos de carreira artística.

Uxía Senlle

Uxía Senlle