Fortaleza de Goián

O Miño: a raia da amizade

Goián (Tomiño)
27 de agosto | 10.30 h

Fortaleza de Goián

PUNTO DE ENCONTRO

Espazo Fortaleza (entrada do antigo ferry), Goián (Tomiño).

Como chegar: desde a autovía A55 con saída en Areas-Tui, continúase pola estrada PO 552 en dirección á Guarda. Á altura de Goián, nos semáforos, cóllese á esquerda seguindo a sinalización do Espazo Fortaleza.

 

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

O río Miño marca, no seu treito final, a fronteira natural e política co veciño Portugal. As relacións entre ambas as marxes sufriron diferentes flutuacións ao longo dos séculos, como o mostran os restos patrimoniais. A fortaleza de San Lourenzo de Goián testemuña o conflito bélico que supuxo a fortificación das marxes do treito do río. As guerras de Restauración para a coroa portuguesa e de Independencia para a coroa castelá supuxeron un enfrontamento entre os países, con intereses alleos ás poboacións locais que, pola contra, teceron ao longo de séculos relacións de proximidade e mesmo de solidaridade que converxeron en accións conxuntas de actividade pesqueira, ou mesmo de accións de contrabando e de paso clandestino de persoas dunha marxe para a outra.

 

MONUMENTA DIVULGA

A andaina percorrerá a senda do Miño desde o Espazo Fortaleza ata a praia de Eiras. No Espazo Fortaleza contextualizaremos a localización e as relacións transfronteirizas. Despois, visitaremos a fortaleza de San Lourenzo onde analizaremos os fortes do Miño na guerra con Portugal. Chegaremos ata o Peirao Vello para coñecermos a pegada e a transcendencia do contrabando. E, en Eiras, saberemos máis da pesca tradicional do Miño a partir dos traballos do etnógrafo Eliseo Alonso.

 

CAMIÑANTES CONVIDADOS
Natalia Jorge Pereira, historiadora e especialista nas fortalezas do Miño. O compositor tudense Víctor Coyote tocará para nós en acústico durante a andaina, para traernos música e historias da fronteira.

A ANDAINA

  • Hora de saída: 11.00 h
  • Hora de regreso estimada: 14.00 h
  • Distancia: 5´5 km (ida e volta)
  • Dificultade: baixa
  • Itinerario: desde o Espazo Fortaleza ata a praia de Eiras, e regreso.
  • Observacións: andaina regular cunha lixeira pendente no acceso á fortaleza. O Espazo Fortaleza conta cunha entrada específica para públicos con mobilidade reducida.
  • Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), auga e un petisco.
  • Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
  • Inscrición previa: non é necesaria.
  • Enlace da ruta: http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=13665767
  • MÁIS INFORMACIÓN: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211