Petróglifos de Mogor.Marín (Pontevedra)_sábado 05 de xullo

O conxunto de Mogor, datado na Idade de Bronce, entre o 1800 e o 600 a.C., é un dos máis destacados de Galicia polos seus gravados labirínticos. As rochas máis estudadas son a pedra dos Mouros, con combinacións circulares e cazoletas, e a pedra do Labirinto. Ainda así, desentrañar o simbolismo dos petróglifos é unha cuestión complexa que ofrece diversas interpretacións por parte dos especialistas. Monumenta convídanos a facer unha descuberta orixinal e diferente entre lusco e fusco.

19.00 MONUMENTA EDUCA. Presentación dos traballos realizados polo alumnado do CEIP Carballal no exterior do centro de interpretación de Mogor.

19.00 ANDAR CON ARTE. Mogor, entre a serra e o mar do Morrazo. Saída –e chegada– desde o centro de interpretación. Este itinerario de percepción paisaxística vai ser un paseo guiado polo xeógrafo Juan López Bedoya. Percorreremos a pé a zona, desde a serra ao mar, atravesando por Mogor e o seu xacemento arqueolóxico, para enxergar a evolución da paisaxe física e sonora do Morrazo desde a época dos petróglifos.

22.00 MONUMENTA EN CONCERTO. Coa participación de Carlos Rilo, Xosé Lois Romero, Carlos Taboada, José Ramón Bugliot e Daniel Romero, o Grupo de Música Tradicional de Agadic, introducirémonos entre sons naturais nas melodías tradicionais de Galicia.

 22.30 MONUMENTA DE NOITE. Monumenta ofrécenos a posibilidade de descubrir os petróglifos, coas explicacións expertas do arqueólogo Santiago Vázquez Collazo.