2019, Camiño de Santiago, Igrexas, Paisaxe

6. Padrón, un xardín literario

PADRÓN, A CORUÑA
24 de agosto 10:00

PUNTO DE ENCONTRO
Xardín botánico de Padrón. Hai varias zonas de aparcamento na parte traseira do xardín. Como chegar: pola N-550 Santiago-Padrón, o xardín está na rúa Franco Salgado Araujo, 13, 15900 Padrón, A Coruña. https://goo.gl/maps/ oaGotHXPjDMZpxAL9

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
Na vila de Padrón daremos un paseo para divulgar dous patrimonios singulares: a lingua escrita na literatura de poetas e escritores como Macías o Namorado, Rosalía de Castro e Camilo José Cela; e o patrimonio natural cultivado nos xardíns onde se atopan árbores senlleiras, testemuñas mudas da vida que se desenvolve na súa contorna e onde puideron atopar inspiración os nosos autores e autoras.

MONUMENTA DIVULGA
Nun reducido territorio concéntranse numerosos elementos patrimoniais, espazos que entran e saen das obras de Rosalía e Cela. O xardín botánico de Padrón é un dos máis antigos de España e foi declarado Monumento Artístico Nacional en 1946; a Casa da Matanza de Rosalía de Castro foi convertida en casa museo en 1972; a Fundación Camilo José Cela ocupa as antigas casas dos Coéngos (s. XVIII) e alberga o legado do premio Nobel de Literatura de 1989. Iria Flavia foi desde a máis remota antigüidade un foco irradiador de cultura. Á súa beira está o cemiterio de Adina.

MONUMENTA DEGUSTA
A Pementeira é unha sociedade agrícola de transformación dedicada á produción o envasado e a comercialización do pemento de Herbón, fundada por 23 agricultores/as e que cumpre cos requisitos establecidos polo Consello Regulador da D. O. Pementos de Herbón.

CAMIÑANTES CONVIDADOS
Angel Cerviño, comisario de arte contemporáneo.
David Fernández Abella, arqueólogo especialista en historia medieval, romana e subacuática.
Gaspar Bernárdez, enxeñeiro forestal e paisaxista. Colabora co Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

A ANDAINA
Hora de saída: 10.00
Hora de regreso estimada: 14:00
Distancia: 3 km.
Dificultade: baixa.
Itinerario: presentación e visita polo xardín botánico de Padrón. A continuación, pararemos no segundo xardín da andaina, neste caso na Casa Museo de Rosalía de Castro. Desde aquí, seguiremos ata a Fundación Camilo José Cela, e remataremos a andaina na igrexa de Santa María de Iria Flavia.
Observacións: é unha andaina moi curta, de ida e volta, por estradas asfaltadas. Faremos catro paradas, e durante o percorrido apenas hai zonas con sombra. A actividade rematará no Museo Camilo José Cela, situada a menos dun quilómetro do punto de encontro. Necesidades específicas: calzado cómodo, protector solar, chapeu, impermeable (por se chove), auga e un petisco.
Entradas aos museos: 2 euros por persoa.
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos. Inscrición previa: prazas limitadas a 80 persoas.

Máis Información en:
e.mail,  julio.escoitar@gmail.com e teléfono: 619 63 72 11

Admisión por orde de inscrición.
Imprescindible inscrición, do 9 de agosto ao 23 de agosto.

2019, Camiño de Santiago, Ciencia, Natureza, Paisaxe

4. O mosteiro de Oia e a historia do clima no Camiño Portugués da Costa

OIA, PONTEVEDRA
11 de agosto 10:30

PUNTO DE ENCONTRO
No campo da festa do mosteiro de Oia. A zona de aparcamento é ampla.
Como chegar: coller a PO-532 Baiona – A Guarda e, á altura do km 34, tomar o desvío indicado para o mosteiro de Oia. https://goo.gl/maps/ FJn4ukfoaZKHqEeV7

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
Existe o patrimonio xeomorfolóxico? Por suposto que si, e nesta andaina falaremos del e da súa relación coa arqueoloxía, polo que poderemos facernos unha idea da historia do clima e, por tanto, do cambio climático. Trátase dun tramo da costa que conta con numerosas testemuñas do pasado, como os depósitos sedimentarios antigos na beiramar, as saíñas romanas, os topónimos referentes a actividades mariñeiras xa desaparecidas e, por suposto, o mosteiro de Oia, que na súa evolución histórica sufriu vaivéns relacionados con crises ambientais e climáticas; por exemplo, o maremoto derivado do terremoto de Lisboa.

MONUMENTA DIVULGA
Nesta fermosa andaina, comprobaremos como o patrimonio é un ecosistema, ás veces invisible, que debemos aprender a sentir. Pasearemos por 3 km do Camiño Portugués, onde se escoita un dos grandes tesouros da paisaxe sonora de Galicia, debido á forza das ondas do océano Atlántico: o mesmo culpable da estrela gastronómica da zona, o percebe de Oia.

MONUMENTA ESCOITA
Faia Díaz Novo, membro de De Vacas, o coro Encaixe ou Apatacón, estréase en solitario coa colaboración de Hevi, músico urbano coñecido por Fluzo e Malandrómeda. Ao cabo leirín é o título do seu primeiro disco, un traballo moi especial onde cantigas e músicas populares foron interpretadas e gravadas entre ambientes sonoros en vivo.

MONUMENTA DEGUSTA
«Auga a ferver, percebes botar; auga a ferver, percebes sacar». Faremos unha pequena introdución a este crustáceo e ao seu sucedáneo vexetal, o codium.

CAMIÑANTES CONVIDADOS
Juan López Bedoya, xeógrafo físico e divulgador científico. Xoán Lois Vila,
percebeiro de Oia. Xoán Martínez, coordinador da visita guiada ao mosteiro de Oia.

A ANDAINA
Hora de saída: 10:30
Hora de regreso estimada: 14:30
Distancia: 6 km.
Dificultade: baixa.
Itinerario: na primeira parte da actividade, realizaremos o tramo do Camiño Portugués, e despois, visitaremos o mosteiro de Oia.
Observacións: camiño rural agás un tramo de poucos metros pola beirarrúa da PO-532.
Non hai zonas de sombra. Necesidades específicas: calzado cómodo, protector solar, chapeu, impermeable (por se chove), auga e un petisco.
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
Inscrición previa: prazas limitadas a 80 persoas.

Máis Información en:
e.mail,  julio.escoitar@gmail.com e teléfono: 619 63 72 11

Admisión por orde de inscrición.
Imprescindible inscrición, 26 de xullo ao 9 de agosto.