MONUMENTA. ANDAR CON ARTE

Monumenta, andar con arte é un programa de actividades culturais, que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio.

A principal novidade nesta edición é a integración da música ambulante en todos os percorridos. Recuperamos así unha tradición que xa aparecía naqueles tempos da mitoloxía e a literatura oral, cando os primeiros poboadores comezaron a cantarlles aos bosques e aos animais para, despois de protexer o mundo coa música, botarse a descansar. Chamámoslle Monumenta escoita e participarán ata sete artistas en formato acústico.

A outra actividade do ciclo, Monumenta divulga, dálle continuidade á programación das últimas edicións con oito andainas dedicadas a camiñantes históricos, como por exemplo ao pai Baltasar Merino, ou unha homenaxe á oceanógrafa Ángeles Alvariño, ademais das rutas polos monumentos e edificios máis singulares.

Tamén se afonda no patrimonio inmaterial, tan presente nas andainas do programa, e que este ano terá como protagonista o antropólogo danés Gustav Henningsen e o seu traballo de campo sobre meigas e feitizos. Mesmo haberá dúas rutas experimentais, porque queremos camiñar imaxinando paisaxes e emocións gravadas nas obras dos grandes artistas de Galicia, como a pintura de Urbano Lugrís e a literatura de Emilia Pardo Bazán.

Con este ciclo de andainas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia achégalle á cidadanía unha experiencia diferente de vivir e sentir o noso patrimonio, relacionando cada edificio co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística.