15 de agosto | 11.00 h

RIbeira-Sacra-Monumenta

 

PUNTO DE ENCONTRO

Albergue da Fábrica da Luz (Barxacova), concello de Parada de Sil, Ourense.
Como chegar: desde Ourense, cómpre tomar a provincial OU-536 e desviarse para o concello de Parada de Sil (estrada a Reboreda). Onda a Casa do Concello, hai que tomar a local OU-605 cara ao albergue da Fábrica da Luz. Aparcadoiro no propio albergue.

 

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

Esta andaina percorre o canón excarvado polo río Mao no granito, con zonas de impresionantes fragas. Poderemos observar o meandro encaixado na rocha, as estruturas erosivas denominadas “marmitas de xigante” e a mostra de como afecta a erosión aos diferentes materiais, diques de seixo e de pegmatita e outras estruturas xeológicas singulares. Tamén analizaremos a xeografía da contorna, o patrimonio construído, o natural e o sonoro da Ribeira Sacra.

 

MONUMENTA DIVULGA

Ademais de observar a interesante xeoloxía da zona, durante uns 3 km camiñaremos pola canle construída en 1916 para fornecer auga ás turbinas da central hidroeléctrica de Escalada (actual albergue da Fábrica da Luz). Na canle atópase un pequeno túnel construído para evitar desprendimentos. Atravesaremos a necrópole medieval de San Vítor de Barxacova (século IX) e a localidade de San Lourenzo de Barxacova.

 

CAMIÑANTES CONVIDADOS

Eduardo González Clavijo, xeólogo coautor do Proxecto Silxe (inventario de lugares de interese xeológico do Cañón do Sil), especialista na xeoloxía da Ribeira Sacra. Juan López Bedoya, xeomorfólogo, que nos axudará a entender mellor o clima, a vexetación e a pasaixe sonora da zona.

 

A ANDAINA

Prazas limitadas (50)

Hora de saída: 11.00 h

Hora de regreso estimada: 18.30 h

Distancia: 5 km

Dificultade: media

Itinerario: a ruta da antiga canle do río Mao iníciase e finaliza no albergue da Fábrica da Luz, no concello de Parada de Sil, xunto ao río Mao. Desde este punto subiremos en autobús ata as proximidades da localidade de Forcas, onde iniciaremos a andaina. A ruta segue o carreiro PR-G 177 ao longo do canón que xera o río Mao, para finalizar, logo dunha forte baixada, no mesmo albergue.

Observacións: nesta andaina de montaña, o terreo é chan con tramos de forte descenso. Non é unha ruta recomendada para menores de 12 anos. Os menores entre 12 e 16 anos deben ir acompañados dun adulto, conforme ao regulamento da actividade, que é imprescindible aceptar na inscrición.

Necesidades específicas: calzado forte, chapeu, impermeable (por se chove), auga e algo de comida para repoñer forzas no traxecto. Durante a andaina, faremos unha parada no bosque para xantar.

Entrada/Prezo: o autobús que nos leva desde o aparcadoiro da Fábrica da Luz ata o inicio da andaina ten un custo de 3 euros por billete. 50 prazas.

Público destinatario: maiores de 12 anos.

Inscrición previa:  imprescindible inscrición, do 12 de xullo ao 29 de xullo, ata completar aforo neste formulario:

NORMAS DE PARTICIPACIÓN

Enlace da ruta: http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=13626182

MÁIS INFORMACIÓN: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211