2018, Camiñantes históricos, Ciencia, Paisaxe, Patrimonio

2. Os alicerces da botánica e a meteoroloxía galegas: da Pasaxe á Guarda co pai Baltasar Merino

DATOS

Día: domingo 5 de agosto
Hora de saída:
10:30 h
Hora de regreso estimada: 14:30 h
Distancia: 5,5 km
Dificultade: baixa
Punto de encontro:  Estación Marítima da Guarda (ferri a Camiña). Segunda República, s/n, 36788. A Guarda.
Custo do transporte: A Guarda – A Pasaxe, 5 euros por persoa.

COMO CHEGAR: desde A Guarda, na subida ao monte Trega, débese coller a avenida Paseo Portugal.

Ligazón: https://goo.gl/maps/hSiqbUvacC12

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
No último cuarto do século xix o burgalés Baltasar Merino, xesuíta, chega a Galicia para impartir docencia no colexio da Pasaxe e atenuar as súas doenzas físicas nas bondades do noso clima. Desde este lugar, a lombo de equinos, viaxou por Galicia nun percorrido que lle permitiu descubrir e sistematizar gran parte da súa vexetación, do cal xurdiu, en 1905, a Flora descritiva e ilustrada de Galicia, unha obra aínda en vixencia un século despois. Preocupado polos perigos dos temporais para a vida da xente do mar, foi pioneiro na aplicación dos coñecementos meteorolóxicos á predición do tempo e á salvagarda dos pescadores.

MONUMENTA DIVULGA
Tomando como referencia o pioneiro labor científico de Merino como botánico e meteorólogo, e analizando a importancia da súa obra para Galicia e para a ciencia de inicios do século xx, abordaremos os distintos ambientes ecolóxicos deste sector da costa galega a través da distribución das súas plantas. Ensinaremos como se fan inventarios e transeptos de vexetación, así como técnicas básicas de herborización. Observaremos as nubes e valoraremos as súas características cara á predición do tempo. Non deixaremos de lado a presentación doutros valores da zona como os arqueolóxicos, etnográficos e de aproveitamento protoindustrial do patrimonio natural.

MONUMENTA ESCOITA
MJ Pérez
é unha das novas voces do panorama actual da música galega que está pisando forte. Logo de dous discos autoproducidos e de case 100 concertos por toda Galicia, agora presenta Casandra. Trátase do terceiro disco, e o primeiro de estudio, da artista arzuá, no que ademais conta con colaboracións especiais como son Paco Cerdeira, Ailén Kendelman ou Richi Casás.

  • Prazas limitadas a 90 persoas. Admisión por orde de inscrición

 

  • Formulario de inscrición para esta andaina do 30 de xullo ao 03 de agosto

 

2017

Monumenta: andar con arte

Monumenta, andar con arte é un programa de actividades culturais que se desenvolve ao redor da acción de camiñar e da experiencia da andaina como a mellor e a máis antiga das maneiras de explorar e de vivir o territorio. Nesta edición, as andainas seguen os pasos de camiñantes ilustres que recolleron os seus saberes ou que atoparon a súa inspiración ao longo do territorio galego, como Domingo Fontán, Alan Lomax, Ruth Matilda Anderson ou Casto Sampedro.

O camiñar, como o respirar, revestiu de contido os nosos carreiros ao longo da historia, para configurar a paisaxe, os nosos relatos e vivencias. Coas explicacións dos camiñantes convidados, Monumenta achega outra mirada aos nosos camiños, nos que se erguen os edificios históricos relixiosos ou as primeiras instalacións da Revolución Industrial. Convidados expertos en diferentes áreas como a arquitectura, a arqueoloxía, a xeografía, a xeoloxía ou a arte, axudarannos a entender outras particularidades e valores dos diversos aspectos do patrimonio material e inmaterial de Galicia.

Con este ciclo de andainas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia achégalle á cidadanía unha experiencia diferente de vivir e sentir o noso patrimonio, relacionando cada edificio co territorio e coa súa singularidade cultural e paisaxística.