Crónica dunha experiencia nacente
Un relato de Monumenta 2013
Na súa primeira edición, entre novembro e decembro de 2013, Monumenta permitiulle ao público coñecer cun ollar diferente espazos como a catedral de Tui, o santuario da Angustia de Betanzos, o mosteiro de Armenteira ou a igrexa de San Pedro de Moureiras.
A contorna xeográfica, a relevancia social ou o valor etnográfico dos enclaves mesturáronse en cada unha das sesións da primeira edición do programa, nas que diferentes expertos fixeron a disección, polo miúdo, da anatomía histórica dos inmobles escollidos. De cada un deles, destacáronse os trazos artísticos máis ocultos e os asistentes descubriron o que non se ve, o que se agocha baixo o transcorrer do tempo. Resgando no silencio, agromaron as fendas polas que puido escoar a luz. E coa claridade, asomaron as sorpresas e un coñecemento novo.
Así foi Monumenta. Crónica dunha xornada en Nogueira de Miño
Cada xornada foi unha proposta única, con experiencias singulares e descubertas compartidas como a que a que tivo lugar o 17 de novembro na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, no concello de Chantada. Alí, aos pés do río, atesouramos unha sorte de “capela Sixtina” propia, de aquí, de noso. Así a define Xurxo Souto, quen nesa sesión de Monumenta actuou como mestre de cerimonias.
Ao abeiro da igrexa, os veciños descubriron nos muros algo que sempre estivo alí, co que sempre tiveran unha vinculación, pero que nunca analizaron desde o seu valor histórico e artístico. Foi da man do equipo Crea Restauración, encabezada por Yolanda Gómez e financiado pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
A propia Yolanda Gómez foi a encargada de describirlles aos veciños o proceso de recuperación nunha sesión informativa deste ciclo na que Xurxo Souto mesturou historia, arte, anécdotas e música. Deste xeito, a intervención iniciouse co tanxer das campás, ese son encargado de nos avisar de que algo importante está a piques de suceder. E as campás, tocadas polo sancristán Toño e o seu fillo Camilo, non se trabucaron. Era un momento histórico: os veciños recuperaban as pinturas murais realizadas polo mestre de Nogueira a mediados do século XVI. As campás soaron e soaron ben.
Un repenicar con historia
Na arquitectura galega, durante o barroco, reproducíase certa tendencia artística de loitar contra a gravidade. Algúns campanarios e remates de fachadas sobredimensionábanse. Exemplos como o convento de Santa Clara en Compostela achegan mostras desta querenza. O que xa non é tan habitual é que as campás dunha igrexa desafíen a proporción. Iso acontece, como outra das súas particularidades, en Nogueira de Miño. E non hai que retrotraerse ao barroco para comprendelo. Con ollar a comezos do século XX, atópase a explicación. E non ten que ver coa arte, senón coa competitividade.
“Neses anos a igrexa e o convento querían cambiar as campás. O responsable do convento preguntoulle ao cura de Santa María se xa pedira a campá nova. Este dixo que si, que a traerían de Salamanca. O do convento pediu o mesmo modelo pero máis grande”, lembrou o sancristán durante a sesión de Monumenta. “A do convento chegou antes, porque a da igrexa non se pedira. E aí a rivalidade foi en aumento, xa que o crego pediu outra e aínda de maior tamaño. E non entraba no campanario, polo que houbo que picar a pedra.”
A riqueza oculta dun país
“Grazas a Yolanda Gómez por traernos algo soterrado, algo que estivo oculto. No noso país hai demasiado agochado e polo traballo de persoas coma ela descubrimos o que temos.” Con estas palabras, comezou o historiador Xosé Lois García a súa entrevista con Xurxo Souto diante dos veciños. O investigador referiuse a Nogueira de Miño como unha “terra vella”, xa que as súas raíces afondan ata a época prerromana e porque nela se conserva un interesante patrimonio artístico, etnográfico e antropolóxico. “Nogueira, que debemos considerala coma unha nación á parte, é froito de todo ese pasado”, sentenciou.
Para Xosé Lois García, “a catedral” de Nogueira de Miño é un exemplo de construción do rural galego, dunha sorte de “románico tardío labrego”. “Nas cornixas ofrécenos o medio natural, elementos fitomórficos e tamén antropomórficos.” Todo relacionado coa terra, co río, coa forma de vida. A pedra retrata así troitas, anguías, vides e, en definitiva, un modo de vivir e de sobrevivir.
O historiador, antes de falar das pinturas murais, tamén principiou un percorrido pola historia da parroquia. Subliñou así que na catedral de Lugo se conserva un pergameo de 1385 no que se detalla a propiedade da zona. A orde de Calatrava, Roi Ribadeneira e o Conde de Lemos foron partillando o dominio. A nivel artístico, Xosé Lois García demostrou –con exemplos a través da arquitectura e do retablo– os diferentes estilos que se recollen no templo, desde restos do románico ata o neobarroco, pasando polo prateresco.
Desde o punto de vista pictórico, destacou a pegada manierista dos murais restaurados. “Son pinturas impresionantes, únicas”, celebrou. Para o investigador, as pinturas reproducen os esquemas divulgados baixo os papados de Alexandro VI e Xulio II, época que enmarca a actividade creativa de Miguel Anxo ou Rafael. Un esquema no que as pedras angulares responden a capítulos bíblicos como a anunciación, a resurrección e o xuízo final. Nas pinturas de Nogueira de Miño enxérganse eses elementos, esa fórmula artística, ese mesmo alentar.
Para rematar a súa intervención, Xosé Lois García realizou un chamamento. Pediu sensibilidade, esixiu concienciación, tanto aos veciños como aos responsables políticos. “En Chantada tedes un patrimonio riquísimo. O importante é que Nogueira de Miño ten que ser consciente desta riqueza”, concluíu.
Tras as palabras do historiador, Xurxo Souto convidou a Yolanda Gómez a explicar o proceso de recuperación levado a cabo coas pinturas de Nogueira. A restauradora iniciou a súa exposición, apoiada cun vídeo do seu traballo, lembrando que a historia se constrúe sempre capa sobre capa. Na pintura, por suposto, tamén.
“Por que os murais estaban cubertos baixo sete ou oito capas de cal? Por varios motivos. Un deles porque, en tempos da peste, unha forma de desinfectar era botar cal nas paredes. Outro, porque os gustos van mudando e un terceiro ben podería ser porque a pintura se deteriorara e se decide cubrir sen máis.” Dese xeito, esquécese o que había por debaixo e só se descobre cando comezan a caer anacos das capas se. Así aconteceu en Nogueira de Miño, cun simple rastro do que se contemplaba noutrora.
“Cando chegamos, cremos que habería unha pequena parte cuberta por pinturas. Non pensabamos que os murais fosen completos desde o coro”, recoñeceu Yolanda Gómez, quen nun primeiro momento realizou un estudo pormenorizado e decidiu levar a cabo un tratamento moi sinxelo para a restauración. “Era tal a calidade das pinturas que os muros aceptaron as técnicas máis básicas.”
O proceso principiou co desencalado, coa retirada das capas de cal ata atoparse co morteiro orixinal. Un morteiro que, malia atoparse ben conservado, corría perigo de derrubamento. “Había moito aire entre o muro e o morteiro, polo que enchemos os ocos cun morteiro líquido. Acto seguido, chegou o momento de consolidar a nova estrutura”, lembroulle a Xurxo Souto diante dos veciños.
Posteriormente, o proceso entrou nunha fase de limpeza das pinturas –realizada con auga desionizada– e de completado nas partes irrecuperables. “E neste punto hai que ter claro que restaurar non é mentir”. A simple vista vese un mural continuo, non obstante, hai diferenzas entre as zonas conservadas e as reconstruídas. “Saberase sempre que partes son as orixinais e cales non.”
Xunto coas particularidades xa explicadas sobre as pinturas, a igrexa conserva outra característica especial que resulta única a nivel do Estado. Refírese ás monteas, os planos empregados polos canteiros na construción dos edificios. En épocas no que o papel era caro e a tinta escasa, os arquitectos trazaban un único plano que empregaban todos os canteiros. Trazábano sobre a pedra directamente, á vista de todos. Habitualmente, no chan. Ou nos muros. Non obstante, en Nogueira de Miño, recanto singular, marcouse un estilo diferente. “Aquí as monteas van directamente sobre a pintura, algo moi raro. Tan raro que viñeron investigadores de todo o Estado estudalo, xa que en ningún outro sitio de España se dá este caso.”
E con ese toque diferente, único, que fai aínda máis especial a “capela Sixtina” de Nogueira de Miño, Yolanda Gómez rematou a súa exposición diante duns veciños que puideron comprobar, tal e como advertía Xurxo Souto, que “os muros contan historias” e que nas igrexas “todo é música.” Deste modo, e retrotraéndonos á época na que os canteiros construían a historia mentres cantaban, a Coral Polifónica de Chantada, ás portas do seu cincuenta aniversario, púxolle o ramo á sesión.
Pechouse así unha intervención na que a formación lembrou, antes de cantar, a súa longa traxectoria musical e destacouse a súa colaboración cun histórico da nosa música. Porque a coral acompañou aos coros a Andrés do Barro na publicación dun dos seus discos. E con esa lembranza, Monumenta 2013 despediu a xornada, ás beiras dun Miño que soaba, polo baixo, a Andrés do Barro e que sabía ás cinco décadas dunha coral que, como Nogueira de Miño, atesoura as súas valiosas particularidades.