Contos de fronteira e contrabando na Vía Nova

BANDE-RAIRIZ DE VEIGA (OURENSE)

20 de agosto | 17.30 h

A Vía Nova

PUNTO DE ENCONTRO

Ponte Liñares. Rairiz de Veiga

Como chegar: no concello de Bande, hai que tomar a provincial OU-301 a Güín. Continuando pola mesma estrada deixamos atrás o núcleo principal de Güín e paramos en Ponte Liñares xunto ao río Limia, onde aparcamos o coche para iniciarmos a andaina.

 

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

Aproveitando as últimas restauracións na Vía Nova, que vai de Asturica Augusta (Astorga) a Bracara Augusta (Braga), ao seu paso por Güín, Congostro e outras aldeas entre os concellos de Rairiz de Veiga e Bande, en Ourense, compartiremos contos e historias da raia no Parque Natural do Xurés ao tempo que descubrimos os elementos máis interesantes da vía romana.

O percorrido segue os pasos dunha calzada romana bimilenaria, a Vía XVIII ou Vía Nova do itinerario romano de Antonino, que se construíu en tempos da dinastía Flavia e foi inaugurada no ano 79 d.C., coa intención de controlar o territorio do sur da Gallaecia e de darlles saída ás mercadorías e minerais explotados polos romanos. Esta ruta conectaba as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), cun maxistral trazado a media ladeira nas zonas de montaña e sobre loma nas chairas. Está dotada de magníficas pontes de envergadura e miliarios que sinalizaban as súas 215 millas (aproximadamente 325 Km).

 

MONUMENTA DIVULGA

Esta andaina lévanos por un dos tramos mellor conservados desta vía romana de alto valor patrimonial. Coñeceremos a riqueza natural, orográfica, paisaxística, etnográfica e arqueolóxica desta zona con paradas nos miliarios do Padrón (Vía Nova), o castro de San Miguel, lugar de culto da Ascensión, e repararemos naqueles aspectos máis interesantes dos camiños rurais e nas carballeiras.

 

CAMIÑANTES CONVIDADOS

David de Bande, arqueólogo e bo coñecedor dos novos tramos da vía romana. Rubén Perdiz, da Asociación Arnau, que está a traballar pola declaración de Patrimonio da Humanidade. Toño Cesteiro (de Lobeira), gaiteiro, que é tamén (como indica o seu alcume) un dos grandes mestres na antiga arte da cestería, que lle porá música á xornada. Dirixidos, en formato “barriografía” ou faladoiro itinerante, polo músico e escritor Xurxo Souto.

 

A ANDAINA

Hora de saída: 17.30 h

Hora de regreso estimada: 20.30 h

Distancia: ruta circular de 9 km

Dificultade: baixa

Itinerario: partimos do conxunto etnográfico da Ascensión, en Ponte Liñares. Seguimos pola vía romana pasando ao pé dos miliarios do Padrón, para internarnos nunha frondosa fraga con carballos centenarios. De seguido, unha profunda congostra guiaranos ata Penelas, onde se van expoñendo todo tipo de mostras da cultura popular: petos, cruceiros, fornos, muíños, capelas, fontes, corredoiras. Desde este punto, ascenderemos por camiños vellos ata o castro de San Miguel, cunha espectacular vista da paisaxe limiá. Cotinuaremos a andaina para visitar a aldea de Congostro e continuar baixo dominio do castelo medieval de Celme, ata o punto de chegada.

Observacións: ruta rural, por sendeiros e camiños de monte que presentan irregularidades no terreo, ascensos e descensos suaves, que non ofrecen dificultades de paso.

Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), así como auga e un petisco para repoñer forzas no traxecto.

Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.

Inscrición previa: non é necesaria.

Enlace da ruta: http://gl.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=13596831

MÁIS INFORMACIÓN: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211