REDONDELA E ILLA DE SAN SIMÓN, PONTEVEDRA
Sábado 26 de agosto 17:00 h

• PUNTO DE ENCONTRO: Redondela, praza-xardíns á beira do Concello de Redondela, na avenida Redondela, Nº 82. Redondela, Pontevedra.

• Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

Casto Sampedro Folgar (Redondela 1848–Pontevedra 1937) deixou un legado documental por descubrir, máis variado do que habitualmente lle é recoñecido. Ademais de compilador do magno Cancionero musical de Galicia e director fundador do Museo de Pontevedra, interesouse por temas de especialidades diversas, como a historia antiga e moderna, o folclore galego (de todo tipo, non só musical), a arqueoloxía (foi un dos pioneiros no estudo da arte rupestre galaica), a heráldica, a epigrafía ou a literatura.

• MONUMENTA DIVULGA

A tradicional Redondela distinguía ben entre a mariñeira Vilavella,
a rúa de Vilanova e as parroquias rurais de Reboreda e Saxamonde, por só citar as dúas máis vinculadas coa familia Sampedro-Folgar. Desde o lugar de encontro despra- zarémonos ata a casa natal de D. Casto (na antiga rúa do Ribeiro, agora chamada rúa de Reveriano Soutullo) para logo subirmos á veciña igrexa parroquial de Santiago de Redondela. A terceira parada será na rúa de Casto Sampedro, tamén en Vilavella; de alí, seguiremos baixando ata a ribeira do mar, onde repasaremos o labor de recollida dos saberes mariñeiros de Casto Sampedro. Xa en Cesantes, por barco, iremos á illa de San Simón, corazón do mar de Vigo cantado por Mendiño, Martín Códax e tantos outros.

• CAMIÑANTE CONVIDADO

Xavier Groba González, profesor de música no IES de Baiona e investigador, é especialista no estudo da música galega de tradición oral e popular.
Mª Xosé López e Alfonso Cheda acompañarán o percorrido coa gaita e a zanfona, interpretando diferentes pezas musicais recollidas por Casto Sampedro, así como unha mostra das cantigas de Martín Códax, xa na illa de San Simón.

••• A ANDAINA

Hora de saída: 17:00 h
Hora de regreso estimada: 20:00 h
Distancia: 4 km
Dificultade: baixa

Itinerario: sairemos dos xardíns do Concello de Redondela para,
a continuación, facer diferentes paradas en puntos clave na vida de Casto Sampedro, na rúa Reveriano Soutullo, onde se sitúa a súa casa natal, a igrexa de Santiago
de Vilavella de Redondela, a rúa Casto Sampedro e, despois, o porto de Cesantes. Alí, tomaremos o barco cara a San Simón, onde faremos unha visita centrada nos trobadores da ría de Vigo.

Observacións: ruta a pé e en barco. A camiñada transcorre maioritariamente por zona urbana. Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), auga e un petisco. Prezo do barco: o barco ata a illa de San Simón ten un custo de 5 euros por billete (inclúe a volta). Barco con capacidade de 80 prazas.

Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
Inscrición previa: prazas limitadas a 80 persoas. Imprescindible inscrición, do 17 de agosto ao 24 de agosto, na web: http://monumentagalicia.com. Admisión por orde de inscrición.

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

ANDAINA PECHADA. AFORO COMPLETO