A catedral de Santa María, que destaca polo seu aspecto de fortaleza, é o edificio máis representativo do patrimonio artístico da vila de Tui. Consagrada en 1225, a súa construción iníciase no século XII, en pleno románico, como se ve na planta, na portada norte e na iconografía dos capiteis. A fachada principal gótica é unha das primeiras obras deste estilo realizada na Península Ibérica.

17:00 Obradoiros para familias Conservamos e restauramos: pintura, retablos e cubertas

18:00 Concerto acústico de Rosa Cedrón

A actividade lúdica e de aprendizaxe para coñecer como son os procesos de restauración dos bens patrimoniais complétase en Tui coa intervención artística de Rosa Cedrón, a voz que gravou innumerables cancións no corazón dos galegos, tanto en solitario como na anterior etapa con Luar na Lubre. A súa versatilidade, a frescura e a súa expresividade foron as mellores armas para converterse nunha das cantantes galegas de maior proxección. Compatibilizando a gravación do seu segundo álbum en solitario, desenvolve numerosas colaboracións con Mike Oldfield e participa en proxectos paralelos como o “Cantando a Galicia” ou o iniciado con Cristina Pato, “Soas”. Colaboradora habitual do programa “Luar” da TVG, desenvolve na súa última etapa un espazo onde repasa os grandes temas da nosa historia musical.