2018, Camiñantes históricos, Ciencia, Paisaxe, Patrimonio

2. Os alicerces da botánica e a meteoroloxía galegas: da Pasaxe á Guarda co pai Baltasar Merino

DATOS

Día: domingo 5 de agosto
Hora de saída:
10:30 h
Hora de regreso estimada: 14:30 h
Distancia: 5,5 km
Dificultade: baixa
Punto de encontro:  Estación Marítima da Guarda (ferri a Camiña). Segunda República, s/n, 36788. A Guarda.
Custo do transporte: A Guarda – A Pasaxe, 5 euros por persoa.

COMO CHEGAR: desde A Guarda, na subida ao monte Trega, débese coller a avenida Paseo Portugal.

Ligazón: https://goo.gl/maps/hSiqbUvacC12

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
No último cuarto do século xix o burgalés Baltasar Merino, xesuíta, chega a Galicia para impartir docencia no colexio da Pasaxe e atenuar as súas doenzas físicas nas bondades do noso clima. Desde este lugar, a lombo de equinos, viaxou por Galicia nun percorrido que lle permitiu descubrir e sistematizar gran parte da súa vexetación, do cal xurdiu, en 1905, a Flora descritiva e ilustrada de Galicia, unha obra aínda en vixencia un século despois. Preocupado polos perigos dos temporais para a vida da xente do mar, foi pioneiro na aplicación dos coñecementos meteorolóxicos á predición do tempo e á salvagarda dos pescadores.

MONUMENTA DIVULGA
Tomando como referencia o pioneiro labor científico de Merino como botánico e meteorólogo, e analizando a importancia da súa obra para Galicia e para a ciencia de inicios do século xx, abordaremos os distintos ambientes ecolóxicos deste sector da costa galega a través da distribución das súas plantas. Ensinaremos como se fan inventarios e transeptos de vexetación, así como técnicas básicas de herborización. Observaremos as nubes e valoraremos as súas características cara á predición do tempo. Non deixaremos de lado a presentación doutros valores da zona como os arqueolóxicos, etnográficos e de aproveitamento protoindustrial do patrimonio natural.

MONUMENTA ESCOITA
MJ Pérez
é unha das novas voces do panorama actual da música galega que está pisando forte. Logo de dous discos autoproducidos e de case 100 concertos por toda Galicia, agora presenta Casandra. Trátase do terceiro disco, e o primeiro de estudio, da artista arzuá, no que ademais conta con colaboracións especiais como son Paco Cerdeira, Ailén Kendelman ou Richi Casás.

  • Prazas limitadas a 90 persoas. Admisión por orde de inscrición

 

  • Formulario de inscrición para esta andaina do 30 de xullo ao 03 de agosto