Mosteiro de San Xusto de Toxos Outos. Lousame (A Coruña) 30 de novembro
Fundado en 1131, foi un dos catorce mosteiros cistercienses máis importantes de Galicia ata o seu abandono no século XIX. O claustro foi vendido a un nobre que o colocou no seu pazo da Pena de Ouro, en Noia. Consérvase o seu muíño e a casa reitoral, que foron rehabilitados. A igrexa é un exemplo de sinxelo barroco rural e ao seu lado sur ficaba, ata os primeiros anos do século XX, parte dun claustro románico do século XIII.
16:30 Obradoiros para familias sobre restauración: pintura, retablos e cubertas e Faladoiro cos veciños e veciñas nos que se recollerán, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar
17:30 Concerto acústico de música antiga Grupo 1500
Ademais de coñecermos o conxunto das intervencións acometidas recentemente no conxunto do mosteiro, esta tarde será unha oportunidade para o encontro coas veciñas e veciños do lugar, para achegármonos, da boca deles, á memoria das vivencias recentes destes muros. Despois, o grupo 1500. Dirixido por Andrés Díaz, é unha formación vocal e instrumental dedicada á interpretación da música antiga. O seu repertorio abrangue desde a música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media, ata a música do Renacemento e primeiro Barroco, tomando como referente central o ano 1500 que lle dá nome ao grupo.
Os e as e compoñentes de 1500 contan cunha ampla traxectoria concertística, como membros ou colaboradores doutras formacións de ámbito nacional e internacional e teñen ofrecido numerosos concertos en Galicia, España e no resto de Europa.