Igrexa de Santa María. Melide (A Coruña)_domingo 15 de xuño
A igrexa de Santa María, construída no s. XII, é a xoia do románico melidense. No seu interior atópanse elementos excepcionais, como o altar de pedra e a reixa, a única desa época da que se ten constancia en Galicia. Tamén merecen unha visita as pinturas policromadas da ábsida, xa de estilo renacentista, do século XVI. Pero na vila de Melide temos máis patrimonio por descubrir e farémolo… en movemento.
18.00 ANDAR CON ARTE. De San Roque a Santa María.Un paseo musical con saída desde o cruceiro de San Roque. Percorreremos a vila para coñecer os antigos cines de Melide, os obradoiros de repostería ou os talleres dos zapateiros, ata chegar á parada final na igrexa de Santa María. Ao longo do percorrido, diferentes convidados falarannos da historia de Melide e non nos faltará a música en directo de Trécolas.
20.00 MONUMENTA EDUCA. Presentación, na igrexa de Santa María, dos traballos e investigacións sobre o patrimonio realizados polo alumnado do CEIP Martagona.
20.30 MONUMENTA EN CONCERTO.Pierrot Rougier,na frauta traveseira, Pedro Pascual co acordeón diatónico e Gema Pérez, no violín. A igrexa de Santa María acollerá o concerto deste trío de calidade excepcional, que nos traerá unha selección de repertorio atlántico –cun protagonismo especial para a música da Bretaña– nun formato participativo e integrador.