Santalla de Bóveda de Mera (Lugo)_ sábado 5 de setembro 2015
COMO CHEGAR: Parroquia de Santalla de Bóveda de Mera, no concello de Lugo (Lugo). Ao saír de Lugo cidade pola estrada vella a Santiago de Compostela (LU-232), antes de chegar a Friol cómpre desviarse á dereita e seguir a sinalización do templo polas estradas LU-P-2901 e LU-P-2903. Tamén se pode ir polo Camiño Primitivo desde Palas de Rei.
Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO. As peculiares características deste templo tardo-romano, que chegou a ter usos cristiáns baixo a advocación de Santa Eulalia, suscitaron desde o seu descubrimento múltiples interpretacións sobre a súa finalidade orixinal: lugar de baños, ninfeo, templo dedicado a Prisciliano…
Neste edificio de planta rectangular destaca a ornamentación da bóveda de canón na que aparecen representados diferentes tipos de aves pintadas entre motivos vexetais. Tamén sobresaeo seu arco de ferradura, considerado como o máis antigo que existe na arquitectura española como elemento estrutural. As impresionantespinturas, as súas especiais características e todas as controversias respecto da súa orixe fan deste monumento prerrománico un dos máis senlleiros do occidente europeo.
18.00 MONUMENTA DIVULGA. Visita ao monumento de Santalla de Bóveda de Mera da man da especialista en arqueoloxía da arquitectura Rebeca Blanco.
18.30 ANDAR CON ARTE. Andaina circular pasando polo castro de Corvazal. Durante o paseo, o xeógrafo Juan López Bedoya analizará esta paisaxe agraria para achegarnos á flora e á fauna características da zona.
19.30 FALADOIRO MONUMENTA. O arquitecto Antonio de Vega falaranos da relación entre a paisaxe e a característica arquitectura popular de Santalla.
20.00 MONUMENTA EN CONCERTO. Rodrigo Romaní en formato trío nos exteriores da igrexa de Santalla de Bóveda de Mera.
Rodrigo Romaní
Rodrigo Romaní é un dos músicos máis destacados do panorama musical galego. Membro fundador de Milladoiro, abandonou o mítico grupo de folk para embarcarse en diversos proxectos, algúns tan significativos como a posta en marcha de Sondeseu, a primeira orquestra de folk de Galicia e de Europa. Embaixador da música tradicional galega, Rodrigo Romaní leva 30 anos paseando a súa arpa por medio mundo, primeiro con Milladoiro e, desde hai uns anos, co seu nome, acompañado doutros músicos convidados.