O Miño: a raia da amizade
Goián (Tomiño)
27 de agosto | 10.30 h
PUNTO DE ENCONTRO
Espazo Fortaleza (entrada do antigo ferry), Goián (Tomiño).
Como chegar: desde a autovía A55 con saída en Areas-Tui, continúase pola estrada PO 552 en dirección á Guarda. Á altura de Goián, nos semáforos, cóllese á esquerda seguindo a sinalización do Espazo Fortaleza.
Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
O río Miño marca, no seu treito final, a fronteira natural e política co veciño Portugal. As relacións entre ambas as marxes sufriron diferentes flutuacións ao longo dos séculos, como o mostran os restos patrimoniais. A fortaleza de San Lourenzo de Goián testemuña o conflito bélico que supuxo a fortificación das marxes do treito do río. As guerras de Restauración para a coroa portuguesa e de Independencia para a coroa castelá supuxeron un enfrontamento entre os países, con intereses alleos ás poboacións locais que, pola contra, teceron ao longo de séculos relacións de proximidade e mesmo de solidaridade que converxeron en accións conxuntas de actividade pesqueira, ou mesmo de accións de contrabando e de paso clandestino de persoas dunha marxe para a outra.
MONUMENTA DIVULGA
A andaina percorrerá a senda do Miño desde o Espazo Fortaleza ata a praia de Eiras. No Espazo Fortaleza contextualizaremos a localización e as relacións transfronteirizas. Despois, visitaremos a fortaleza de San Lourenzo onde analizaremos os fortes do Miño na guerra con Portugal. Chegaremos ata o Peirao Vello para coñecermos a pegada e a transcendencia do contrabando. E, en Eiras, saberemos máis da pesca tradicional do Miño a partir dos traballos do etnógrafo Eliseo Alonso.
CAMIÑANTES CONVIDADOS
Natalia Jorge Pereira, historiadora e especialista nas fortalezas do Miño. O compositor tudense Víctor Coyote tocará para nós en acústico durante a andaina, para traernos música e historias da fronteira.
A ANDAINA
- Hora de saída: 11.00 h
- Hora de regreso estimada: 14.00 h
- Distancia: 5´5 km (ida e volta)
- Dificultade: baixa
- Itinerario: desde o Espazo Fortaleza ata a praia de Eiras, e regreso.
- Observacións: andaina regular cunha lixeira pendente no acceso á fortaleza. O Espazo Fortaleza conta cunha entrada específica para públicos con mobilidade reducida.
- Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), auga e un petisco.
- Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
- Inscrición previa: non é necesaria.
- Enlace da ruta: http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=13665767
- MÁIS INFORMACIÓN: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211