Igrexa do Mosteiro de San Clodio. Leiro (Ourense) 24 de novembro
San Clodio de Leiro é un mosteiro da orde cisterciense fundado no século VII, cunha igrexa de estilo románico de transición. A fachada é do século XIII, dunha feitura semellante á de Meira e Armenteira. A distribución espacial interior segue a tipoloxía característica do Císter: unha planta basilical de tres naves de catro tramos, separadas por piares cadrados con columnas acaroadas nas frontes. Na ábsida estanse a recuperar unhas interesantes pinturas murais que conforman unha gran composición con imaxes do Xuízo Final, escenas da crucifixión de Cristo e o martirio de san Sebastián.
16:30 Talleres para familias sobre restauración de pinturas e Visita guiada
17:30 Concerto acústico de María do Ceo
A restauración das pinturas e o achegamento ao valor arquitectónico e artístico de San Clodio centrarán a programación da primeira parte da xornada. Despois, acomodámonos para escoitar a María do Ceo, unha cantante de fado galega, residente en Ourense, pero nacida na cidade portuguesa de Porto. Din dela os críticos que nos achega o Fado como ata ninguén o fixera antes, unindo as súas múltiples influencias ao sentir portugués e á dozura natural do idioma galego. María do Ceo está dotada de calidades vocais excepcionais, envolve de inmediato ao público nun ambiente máxico. Cunha sólida carreira internacional -foi recoñecida e condecorada como embaixadora da cultura galega no mundo- ten sempre o Fado como inspiración primordial.