Aquis Querquennis (Bande)_domingo 30 de agosto 2015
COMO CHEGAR: Parroquia dos Baños (San Xoán), Os Baños, Bande (Ourense).En pasando Celanova, dirección Bande, continúase cara a Portugal pola OU-540 e, a 7.5 km de Bande, cómpre virar á esquerda e seguir a sinalización do xacemento.
Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO. Situado a carón da vila de Bande, está considerado como un dos principais xacementos arqueolóxicos da comarca. Cronoloxicamente dátase entre os séculos I e II d.C. O conxunto atópase localizado preto da vía romana denominada Vía XVIII, calzada que unía Astorga e Braga.
Coñecido como A Cidá (a cidade), este campamento militar de forma rectangular, no que destacan as súas murallas, controlaba o río Limia e os arredores. Aquí permanecía unha guarnición romana de infantería e cabalería que dominaba a poboación oriúnda. Aínda conserva a súa rampla de acceso, as torres cadradas e un foso. Tamén se poden ver os piares nos que asentaban os almacéns.
É posible que este lugar tivese naquela altura un hospital, dados os restos encontrados e a existencia de mananciais de augas termais. Coñecedores das propiedades curativas que brotan nas inmediacións do campamento, os romanos aproveitáronse sempre deste recurso natural.
18.00 MONUMENTA DIVULGA. Visita ao centro de interpretación da Fundación Aquae Querquennae Via Nova.
18.30 ANDAR CON ARTE. Andaina narrada por Antonio Rodríguez Colmenero (Catedrático emérito de historia antigua da Universidade de Santiago de Compostela) e Manuel Rivero Pérez (antropólogo e sociólogo) ata o campamento militar, con visita ao xacemento arqueolóxico e ás termas.
20:00 MONUMENTA EN CONCERTO
Odaiko en concerto nos exteriores do centro de interpretación da Fundación AquaeQuerquennaeVia Nova.
ODAIKO
Este grupo integrado por licenciados en percusión formouse en Holanda no ano 2003. A súa proposta artística céntrase na exploración da música tradicional, pero na súa variante percutiva, faceta pouco traballada pola dificultade que supón a diversidade técnico-musical. Teñen participado en grandes festivais internacionais de Holanda, Estados Unidos de América, México, Taiwán, Filipinas etc. Realizaron gravacións con diferentes artistas e formacións como Budiño, Nova Galega de Danza, a Orquestra Nacional de Irlanda ou a Orquestra Sinfónica de Galicia. Na actualidade, Odaiko é un dos grupos máis solicitados pola súa facilidade para enganchar públicos de todas as idades.