NOGUEIRA DE RAMUÍN, OURENSE
Domingo 27 de agosto 10:30 h

• PUNTO DE ENCONTRO
Zona de estacionamento no acceso ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Como chegar: desde Ourense, tomar a provincial OU-536 cara á Pobra de Trives. Ao pasar o encoro de Castadón, hai que desviarse pola OU-0507 e despois coller a OU-0508, sempre seguindo os sinais do mosteiro de Santo Estevo.

• Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

Desde o contorno monumental do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, con primitiva fábrica románica, mais con referencias que nos remontan ao propio san Martiño de Dumio (século VI), achegarémonos á figura do afiador, un elemento referencial da etnografía popular e que ten epicentro neste concello de Nogueira de Ramuín. A relación entre a súa roda nómade e a música propiciou un rexistro histórico:
a gravación que lle fixo en 1952 o musicólogo norteamericano Alan Lomax, na aldea de Faramontaos, a Xosé María Rodríguez, capador e afiador de Nogueira. Melodía que mesmo chegaría a recrear o mítico trompetista Miles Davis nun dos temas do álbum Sketches of Spain.

 

• MONUMENTA DIVULGA

Nas dependencias do museo de Santo Estevo exhíbense rodas, coitelos e outros aparellos propios deste oficio. Son parte da colección de Florencio de Arboiro, un dos maiores eruditos na materia. Da súa man, descubriremos algunha das historias que protagonizaron os afiadores de Nogueira por todos os camiños e recibiremos unha clase de iniciación no barallete, a xerga profesional do gremio, probablemente a máis rica en vocabulario de todas as da Península Ibérica. Tamén teremos noticia do verbo dos xingros, a xerga profesional dos músicos de Ourense, absolutamente descoñecida noutras latitudes.

• CAMIÑANTES CONVIDADOS

Florencio de Arboiro, etnógrafo e escultor, creador da Casa das Rodas, en San Xoán de Río, onde exhibe a impresionante colección de rodas de afiar que foi adquirindo e restaurando durante máis de 30 anos.
Cristina Asenjo, profesora de música no ensino secundario e acordeonista do conxunto O Sonoro Maxín. É natural de Alongos, terra de músicos, onde aínda se mantén viva a memoria do antigo verbo dos xingros.
Acompañados en formato de barriografía ou parladoiro iti- nerante polo músico e escritor Xurxo Souto.

••• A ANDAINA

Hora de saída: 10.30 h
Hora de regreso estimada: 14.00 h
Distancia: 5 km
Dificultade: baixa

Itinerario: saída das inmediacións do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na zona de aparcadoiro de autobuses. Visita ao mosteiro e á exposición permanente de Florencio de Arboiro. Despois iniciaremos a andaina circular, percorrendo algunhas pasaxes do antigo camiño real desde Os Peares e da ruta oficial Maquino Largaño. Tamén visitaremos Paradela e o miradoiro do Castro, para volver despois ao mosteiro.

Observacións: a ruta discorre principalmente por camiños e pistas de terra, entre arboredo, e ten varias pendentes con desnivel medio-baixo.
Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), auga e un petisco.
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
Inscrición previa: prazas limitadas a 100 persoas. Imprescindible inscrición, do 17 de agosto ao 24 de agosto, na web: http://monumentagalicia.com. Admisión por orde de inscrición.

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN PARA ESTA ANDAINA DO 17 DE AGOSTO AO 24 DE AGOSTO