2014

Castelo de Tovar. Lourenzá (lugo)_domingo 29 de xuño

A principios do século XVI, Antonio de Tovar comeza a construír esta mansión fortificada de estilo gótico isabelino. Co paso do tempo os seus moradores foron adaptando a vivenda ás súas necesidades e hoxe podemos descubrir a riqueza arquitectónica conservada do conxunto. Monumenta únese, nesta ocasión, da man do Concello de Lourenzá e das asociacións locais, á proposta de converter a xornada nunha festa completa arredor do patrimonio cultural da zona. Un día de portas abertas, visitas guiadas e gozo compartido.

DE 11.00 A 20.00 TODOS CARA A TOVAR. Probas deportivas polo Val de Lourenzá, xogos para todas as idades, visitas guiadas ao castelo de Tovar… Infórmate das actividades ao longo da xornada.

13.00 FALADOIRO MONUMENTA. Conversa cos veciños sobre a memoria do castelo de Tovar e o territorio.

14.00 MONUMENTA EN CONCERTO.Actuación musical e de baile coa Asociación Osorio Gutiérrez no castelo, para divulgar a tradición da música e do baile galego coa xente miúda da comarca. Unha actualización das pezas recompiladas durante anos entre os maiores.

17.00 MONUMENTA EN ESCENA. Fantoches presenta un espectáculo de narración oral e música en directo coa técnica xaponesa do Kamishiba: As pombas de Carboeiro.

18.00 CULTURA E GASTRONOMÍA.No castelo, clase maxistral de cociña «Fabas con callos», unha intervención gastronómica de Iago Castrillón, prestixioso cociñeiro de Vilanova de Lourenzá. Unha oportunidade para coñecer a receita e recuperar este prato tradicional.

 

2014

Catedral de Ourense_sábado 28 de xuño

Este monumento iniciado no século XII seguiu evolucionando durante oito séculos. Das dúas portadas románicas, a máis singular é a do pórtico do Paraíso, coas influencias do labor do mestre Mateo no pórtico da Gloria da catedral de Santiago. Monumenta quere poñer en valor o patrimonio inmaterial da historia recente ourensá e convídanos a facer un percorrido musical da man da Coral de Ruada, formación de referencia para a música vocal en Ourense, e do conxunto de Galicia. Con case un século de historia, esta agrupación estableceu unha fermosa relación coa catedral de Ourense que desvelaremos nesta singular actividade.

19.00 MONUMENTA, MANS Á OBRA. Obradoiro, para todas as idades na praza de San Martiño, onde experimentar cos procesos de restauración do patrimonio.

 20.30 MONUMENTA EN CONCERTO.

Monumenta propón un faladoiro-concerto único na catedral ourensá, coa Coral De Ruada e o polifacético Xurxo Souto(cantante, ex-acordeonista dos Diplomáticos de Monte Alto e difusor da música galega de agora e de sempre),que será o encargado de conducir esta celebración arredor da coral e da restauración do pórtico do Paraíso.

Coral de Ruada
Coral de Ruada

 

2014

Convento de Ferreira de Pantón (Lugo)_domingo 22 de xuño

O mosteiro de Ferreira de Pantón ten a singularidade de ser probablemente o único mosteiro de Galicia que non cambiou de función desde a súa fundación no século XII. No interior da igrexa, de orixe románica, descóbrese unha escultura en madeira policromada da Virxe co Neno. Pero o patrimonio cultural tamén ten vida máis alá das pedras e do construído. Monumenta quere dedicarlle a xornada aos cantares de cego interpretados, desde a Idade Media, por músicos populares itinerantes.

 11.00 ANDAR CON ARTE. Rolda a pé polo patrimonio da vila. Comezaremos o paseo cunha presentación na praza do Concello, para iniciar o percorrido cunha introdución á historia do pazo dos Gayoso. De alí, seguiremos a andaina cara á zona máis antiga da vila ata chegarmos ao pazo de Maside. Descubriremos, a seguir, as vistas menos habituais do castelo de Maside e chegaremos ata o mosteiro das madres bernardas, para volvermos, finalmente, á praza do Concello. 

17.00 MONUMENTA EDUCA. Presentación, no convento, dos traballos realizados polo alumnado do CEIP Monte Baliño sobre o patrimonio local.

17.30 FALADOIRO MONUMENTA. Conversa cos veciños que coñeceron a Eladio, o cego de Eiré. Unha pequena homenaxe colectiva a este músico, organizada en colaboración co Concello de Pantón.

18.30 MONUMENTA EN CONCERTO. 

Actividade final no convento cos cantos deAlba María (voz gañadora do I Certame de Canción de Autor de Teo 2014) e a zanfona de Óscar Fernández (fundador do grupo Os Cempés). Os dous músicos xogarán coa improvisación e coa revisión contemporánea dos cantos de cego, para falar de Ferreira e da súa historia.

2014

Santuario das Ermidas e Castelo. O Bolo (Ourense)_sábado 21 de xuño

O santuario da Nosa Señora das Ermidas é un dos máis destacados centros de peregrinación de Galicia. Trátase dun conxunto de edificios que foron construídos en varias fases desde 1624. A fachada do santuario, flanqueada por dúas torres, é unha das mellores obras do barroco galego. Monumenta convídanos a percorrer os camiños do lugar, para achegármonos ao seu patrimonio desde unha perspectiva diferente e participativa.

18.00MONUMENTA DIVULGA. Visita guiada ao castelo do Bolo onde coñeceremos a súa historia e as súas características.

18.30 ANDAR CON ARTE. Unha andaina entre o castelo e As Ermidas. Percorreremos os antigos camiños dos veciños, con parada en varios pasos do viacrucis para escoitar as explicacións culturais, ata chegarmos ás Ermidas.

19.30 MONUMENTA EDUCA. No santuario das Ermidas presentaranse os traballos realizados polo alumnado do CEIP do Bolo.

20.00 MONUMENTA EN CONCERTO. Unha dobre sesión de música nun contorno excepcional.

Son do Sil, procedente do Barco de Valdeorras, tráenos a súa interpretación potente e singular da música popular da man dos seus numerosos integrantes.
Eles abrirán paso para a voz de Uxía Senlle, que nos trasladará polos seus cálidos e salgados universos musicais, coa calidade e o saber de 27 anos de carreira artística.

Uxía Senlle
Uxía Senlle
2014,Crónicas

Os escolares do CEIP do Bolo e do CEIP Monte Baliño participan en Monumenta

Monumenta Educa visitou onte aos alumnos e alumnas do CEIP do Bolo, onde se realizou un obradoiro no que os rapaces reflexionaron sobre a importancia da protección do patrimonio. A través de diferentes actividades prácticas convertéronse en restauradores por un día.

Por outra banda, o CEIP Monte Baliño visitou o Convento de Ferreira de Pantón para recoller a información que lles faltaba para rematar os traballos que exporán o próximo domingo neste monumento.

2014,Crónicas

Actividades na Igrexa de Santa María de Melide o pasado 15 de xuño

A tarde do domingo comezou cun paseo musical amenizado pola grupo Trécolas que percorreu a vila facendo paradas para falar con diferentes invitados  que nos achegaron á historia de Melide. Ao seguir presentouse o traballo realizado polo alumnado do CEIP Martagona. A actividade rematou co concerto na Igrexa de Santa María do trío que forman Pierrot Rougier, Pedro Pascual e Gema Pérez.

 

 

2014,Crónicas

Actividades arredor da Catedral de Santiago o pasado 13 de xuño

O pasado venres Monumenta centrou a súa actividade na Torre da Berenguela da Catedral de Santiago. Ás 19:00h desenvolveuse o obradorio Mans a obra na Praza da Quintana, no que as familias puideron aprender diferentes procesos de restauración. Á mesma hora, no Museo das Peregrinacións e de Santiago, celebrouse a mesa redonda A restauración do patrimonio da Catedral, na que varios especialistas falaron de intervencións realizadas no templo para garantizar a súa conservación.
A actividade rematou co concerto de Baldomero Barciela e Patricia Rejas no interior da Catedral.

2014,Crónicas

Actividades no Castro de San Cibrao de Las o pasado 14 de xuño

O pasado sábado 14 de xuño, Monumenta chegou a San Amaro. Alí os alumnos e mestres do CEIP Eulogio Gómez Franqueira, acompañados polos seus familiares, presentaron diferentes traballos realizados por todo o centro sobre o Castro de San Cibrao de Las. Ao seguir Narf Trío presentou o seu traballo Nas tardes Escuras, no que exploraron a poesía de Rosalía de Castro. A actividade rematou cunha charla sobre arqueoastronomía e cun visionado do ceo nocturno desde as faldas do Castro.

2014

Igrexa de Santa María. Melide (A Coruña)_domingo 15 de xuño

A igrexa de Santa María, construída no s. XII, é a xoia do románico melidense. No seu interior atópanse elementos excepcionais, como o altar de pedra e a reixa, a única desa época da que se ten constancia en Galicia. Tamén merecen unha visita as pinturas policromadas da ábsida, xa de estilo renacentista, do século XVI. Pero na vila de Melide temos máis patrimonio por descubrir e farémolo… en movemento.

18.00 ANDAR CON ARTE. De San Roque a Santa María.Un paseo musical con saída desde o cruceiro de San Roque. Percorreremos a vila para coñecer os antigos cines de Melide, os obradoiros de repostería ou os talleres dos zapateiros, ata chegar á parada final na igrexa de Santa María. Ao longo do percorrido, diferentes convidados falarannos da historia de Melide e non nos faltará a música en directo de Trécolas.

20.00 MONUMENTA EDUCA. Presentación, na igrexa de Santa María, dos traballos e investigacións sobre o patrimonio realizados polo alumnado do CEIP Martagona.

 20.30 MONUMENTA EN CONCERTO.Pierrot Rougier,na frauta traveseira, Pedro Pascual co acordeón diatónico e Gema Pérez, no violín. A igrexa de Santa María acollerá o concerto deste trío de calidade excepcional, que nos traerá unha selección de repertorio atlántico –cun protagonismo especial para a música da Bretaña– nun formato participativo e integrador.

 

Trío Pierrot Rougier, Gema Pérez, Pedro Pascual
Trío Pierrot Rougier, Gema Pérez, Pedro Pascual