2017,Camiñantes históricos,Música,Paisaxe,Patrimonio

8. Alan Lomax e os afiadores dos Peares

NOGUEIRA DE RAMUÍN, OURENSE
Domingo 27 de agosto 10:30 h

• PUNTO DE ENCONTRO
Zona de estacionamento no acceso ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Como chegar: desde Ourense, tomar a provincial OU-536 cara á Pobra de Trives. Ao pasar o encoro de Castadón, hai que desviarse pola OU-0507 e despois coller a OU-0508, sempre seguindo os sinais do mosteiro de Santo Estevo.

• Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

Desde o contorno monumental do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, con primitiva fábrica románica, mais con referencias que nos remontan ao propio san Martiño de Dumio (século VI), achegarémonos á figura do afiador, un elemento referencial da etnografía popular e que ten epicentro neste concello de Nogueira de Ramuín. A relación entre a súa roda nómade e a música propiciou un rexistro histórico:
a gravación que lle fixo en 1952 o musicólogo norteamericano Alan Lomax, na aldea de Faramontaos, a Xosé María Rodríguez, capador e afiador de Nogueira. Melodía que mesmo chegaría a recrear o mítico trompetista Miles Davis nun dos temas do álbum Sketches of Spain.

 

• MONUMENTA DIVULGA

Nas dependencias do museo de Santo Estevo exhíbense rodas, coitelos e outros aparellos propios deste oficio. Son parte da colección de Florencio de Arboiro, un dos maiores eruditos na materia. Da súa man, descubriremos algunha das historias que protagonizaron os afiadores de Nogueira por todos os camiños e recibiremos unha clase de iniciación no barallete, a xerga profesional do gremio, probablemente a máis rica en vocabulario de todas as da Península Ibérica. Tamén teremos noticia do verbo dos xingros, a xerga profesional dos músicos de Ourense, absolutamente descoñecida noutras latitudes.

• CAMIÑANTES CONVIDADOS

Florencio de Arboiro, etnógrafo e escultor, creador da Casa das Rodas, en San Xoán de Río, onde exhibe a impresionante colección de rodas de afiar que foi adquirindo e restaurando durante máis de 30 anos.
Cristina Asenjo, profesora de música no ensino secundario e acordeonista do conxunto O Sonoro Maxín. É natural de Alongos, terra de músicos, onde aínda se mantén viva a memoria do antigo verbo dos xingros.
Acompañados en formato de barriografía ou parladoiro iti- nerante polo músico e escritor Xurxo Souto.

••• A ANDAINA

Hora de saída: 10.30 h
Hora de regreso estimada: 14.00 h
Distancia: 5 km
Dificultade: baixa

Itinerario: saída das inmediacións do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na zona de aparcadoiro de autobuses. Visita ao mosteiro e á exposición permanente de Florencio de Arboiro. Despois iniciaremos a andaina circular, percorrendo algunhas pasaxes do antigo camiño real desde Os Peares e da ruta oficial Maquino Largaño. Tamén visitaremos Paradela e o miradoiro do Castro, para volver despois ao mosteiro.

Observacións: a ruta discorre principalmente por camiños e pistas de terra, entre arboredo, e ten varias pendentes con desnivel medio-baixo.
Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), auga e un petisco.
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
Inscrición previa: prazas limitadas a 100 persoas. Imprescindible inscrición, do 17 de agosto ao 24 de agosto, na web: http://monumentagalicia.com. Admisión por orde de inscrición.

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN PARA ESTA ANDAINA DO 17 DE AGOSTO AO 24 DE AGOSTO

2017,Camiñantes históricos,Paisaxe,Patrimonio

6. Pola Costa da Morte con Ruth Matilda Anderson e Manfred Gnädinger

CAMELLE, CAMARIÑAS
Domingo 20 de agosto 10:30 h

• PUNTO DE ENCONTRO
Museo de Man, en Camelle.

Como chegar: antes de chegar a Camariñas pola AC-432, na entrada da parroquia da Ponte do Porto (Camariñas), hai que coller á man dereita o desvío a Camelle pola DP-1601. Pódese aparcar no peirao.

• Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

A finais do século xix, tres naufraxios –Iris Hull, 1883; Serpent, 1890; e Trinacria, 1893– marcaron para sempre esta parte de Galicia. Os mariñeiros ingleses bautizárona como A Costa da Morte e a prensa da época fíxose eco das súas traxedias. En contextos diferentes, e acudindo á chamada desas lendas, chegaron os nosos camiñantes. A fotógrafa americana Ruth Matilda veu a finais de 1924 e a principios de 1926, por encargo da Hispanic American Society, e documentou a realidade social do país. Pola súa parte, o artista alemán Manfred Gnädinger (Man) chegou a Camelle en 1962 e aquí quedou, percorrendo a Costa da Morte nunha viaxe que remataría para el corenta anos máis tarde con outro afundimento, o do petroleiro Prestige.

• MONUMENTA DIVULGA

Nesta andaina faremos unha viaxe no tempo pola paisaxe natural e cultural da Costa da Morte, falando das relacións entre o territorio, a poboación local e ese océano Atlántico xuíz e parte da xeografía e da memoria. En Galicia, Ruth Matilda atopou a personalidade do pobo galego nas xentes do campo, do mar e nos oficios urbanos artesanais ou de menor categoría, na liña dos fotógrafos contemporáneos norteamericanos. Pola súa parte, Man desenvolveu unha actividade artística que podemos encadrar dentro do concepto de Land Art, que se desenvolve en Norteamérica e en Europa ao redor dos anos sesenta.

• CAMIÑANTES CONVIDADOS

Carmen Hermo, artista plástica e profesora na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. Está vinculada ao Museo do Alemán-Casa de Man e á conservación das obras de Man.
Anxo Cabada, fotógrafo, que nos introducirá na obra de Ruth Matilda Anderson e de Ramón Caamaño.
Manuel Vilar, antropólogo con numerosos traballos sobre a microtoponimia da Costa da Morte. Ángel Cerviño, artista plástico e comisario de exposicións.

••• A ANDAINA

Hora de saída: 10:30 h
Hora de regreso estimada: 18:30 h
Distancia: 14 km
Dificultade: media

Itinerario: a primeira hora, faremos unha visita ao museo e á casa de Manfred Gnädinger en Camelle para, a continuación, desprazármonos en dous minibuses que nos deixarán nas proximidades do cemiterio dos Ingleses. Desde alí iniciaremos a nosa andaina percorrendo, en dirección a Camelle, un tramo da ruta litoral polos miradoiros á praia Trece e á duna do monte Branco, polo porto de Santa Mariña e Arou.

Observacións: será unha andaina longa, que transcorre, en parte, por pistas de terra e asfalto con varios descensos e ascensos prolongados. Pararemos na metade da andaina para descansar e xantar antes de emprender a segunda parte.

Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), auga e o xantar do mediodía.
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos afeitos a realizar andainas ao redor dos 10 km.
Entrada aos monumentos e transporte: entrada do Museo do Alemán: 1 euro por persoa. Transporte en minibus: 5 euros por persoa.

Inscrición previa: prazas limitadas a 55 persoas. Imprescindible inscrición, do 10 de agosto ao 17 de agosto. Admisión por orde de inscrición.

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

ANDAINA PECHADA