Igrexa de San Miguel de Osmo. Cenlle (Ourense) 16 de novembro

A igrexa de San Miguel de Osmo é un edificio de núcleo románico fortemente transformado nos séculos XVI e XVII, incluído dentro do dominio do mosteiro cisterciense de San Clodio. Os traballos de restauración realizados na sancristía sacaron á luz dous fragmentos de pintura mural nos que se atopou un texto litúrxico en latín.

16:30 Obradoiros para familias sobre restauración de pinturas e Faladoiro cos veciños e veciñas nos que se recollerán, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar

17:30 Concerto da Rondalla Alfaia de Cenlle

A actividade en Cenlle comeza pola tarde, nun espazo de encontro para aprender, compartir e falar. Tamén para recuperar a memoria e que os máis novos a coñezan. E a media tarde, comeza a festa. A Asociación Cultural Alfaia naceu no ano 2002 froito das inquietudes musicais dun grupo de afeccionados á música. Na actualidade o grupo está formado por doce membros (tres bandurras, catro laúdes e cinco guitarras) dirixidos por D. Francisco Villalonga Baños, un profesional da música con máis de corenta anos de experiencia na ensinanza dos instrumentos de pulso e púa.

O repertorio da formación é moi variada e abrangue melodías populares, clásicos intemporais da música e cancións de tuna, mostrando que o grupo non é unha rondalla ao uso, senón unha formación de carácter ecléctico.