Santuario da Angustia. Betanzos (A Coruña) 10 de novembro

O Santuario da Angustia, de estilo barroco do século XVIII (1750), está situado na parroquia de San Pedro das Viñas. A recente renovación dos revestimentos interiores do templo contribúe á conservación deste interesante exemplo do barroco galego, no que se mestura a sobriedade estrutural e un profuso xogo de elementos xeométricos. No retablo principal, a imaxe procesional da Virxe da Angustia.

12:00 Obradoiros infantís sobre arquitectura e restauración no Liceo de Betanzos

16:30 Paseo sonoro coa participación dos gaiteiros “Pepe Temprano e os seus Mariachis” e Alfredo Erias, historiador e narrador do paseo. (Saída desde a Estación Betanzos-Infesta ata o Santuario)

Para completar a xornada iniciada de mañá cun obradoiro dirixido á xente miúda sobre arquitectura e restauración, pola tarde Monumenta convida a un paseo sonoro local e singular.  O gaiteiro Pepe Temprano é a segunda xeración dos Tempranos de Eirís (o primeiro cuarteto de gaitas que houbo nas Mariñas e historia viva da gaita en Galicia). Desenvolveu toda a súa vida laboral na Fábrica de Tabacos da Coruña desde onde as súas Cigarreiras ían en romaría ata a Igrexa das Angustias.

A palabra fíaa nesta andaina Alfredo Erias,  historiador, pintor, debuxante e gravador, e director do Museo das Mariñas, en Betanzos.

18:00 Concerto na igrexa: Pedro Lamas e Xosé Lois Romero

Para pechar a xornada, as portas da igrexa ábrense a dous dos músicos de referencia nas propostas máis actuais da música galega. Pedro Lamas é saxofonista, gaiteiro, arranxista e compositor. É un músico formado na tradición, con numerosos galardóns neste campo. É fundador de prestixiosos grupos como Lelia Doura ou Luvas Verdes,  e colaborador doutros como Uxía Senlle, Guadi Galego, Susana Seivane, Nova Galega de Danza etc. Xosé Lois Romero foi formado desde neno na música popular galega, exerceu de percusionista en numerosas formacións tradicionais e, desde 1995, é membro do Grupo Tradicional da AGADIC, dependente da Xunta de Galicia, onde realiza traballos de interpretación, investigación, docencia e publicación de material audiovisual sobre patrimonio musical galego. Forma parte, con Guadi Galego e Xabier Díaz, do grupo Acadacanto.