Igrexa de San Pedro de Moreiras. Toén (Ourense) 8 de decembro
Esta monumental igrexa rural do século XVIII, de orixe románica, conta cunha fachada de decoración barroca rematada por dúas torres desiguais de traza renacentista. No interior, trabállase na restauración do retablo de santa María, obra renacentista de gran valor patrimonial, datado arredor do século XV e situado no brazo esquerdo do cruceiro.
11:00 Obradoiros infantís sobre a restauración de retablos
Micro concerto para campás, cuncas tibetanas e zanfona con Ariel Ninas
As campás da igrexa, elementos comunicativos centrípetos na cultura occidental (Murray Schafer, The tunning of the world, 1977), aínda gardan na memoria colectiva un importante oco na nosa imaxinación. Aínda máis as campás da parroquia rural. Despois dos obradoiros infantís, seguindo este dito sobre as campás de Toén, Ariel Ninas propón un micro concerto de 15′ para campás, cuncas tibetanas e zanfona buscando a complicidade do espectador e “chamar á oración” ao ouvinte coa intención de forzar a inmersión sonora na súa escoita con estes instrumentos de cativadoras propiedades psicoacústicas.
12:30 Concerto acústico de S@X 21 en formato dúo
S@X 21 son Diego García, Nacho Casas, Pablo Coello e Rafael Yebra. Profesores de saxofón dos distintos Conservatorios de Galicia e da Escola Municipal de Ourense e das Bandas de Música de Ourense e Santiago. Mais aló da tradicional concepción do cuarteto de saxofóns, eles traballan en múltiples combinacións e permutacións instrumentais segundo as diferentes posibilidades do programa. Nesta oportunidade, en formato dúo, a música que interpretarán son transcricións de música do Renacemento adaptadas para un instrumento máis novo como o saxofón, emulando así unha restauración musical para esta actuación en San Pedro de Moreiras, cun retablo do século XV.