2013, Igrexas

Santuario da Angustia. Betanzos (A Coruña) 10 de novembro

O Santuario da Angustia, de estilo barroco do século XVIII (1750), está situado na parroquia de San Pedro das Viñas. A recente renovación dos revestimentos interiores do templo contribúe á conservación deste interesante exemplo do barroco galego, no que se mestura a sobriedade estrutural e un profuso xogo de elementos xeométricos. No retablo principal, a imaxe procesional da Virxe da Angustia.

12:00 Obradoiros infantís sobre arquitectura e restauración no Liceo de Betanzos

16:30 Paseo sonoro coa participación dos gaiteiros “Pepe Temprano e os seus Mariachis” e Alfredo Erias, historiador e narrador do paseo. (Saída desde a Estación Betanzos-Infesta ata o Santuario)

Para completar a xornada iniciada de mañá cun obradoiro dirixido á xente miúda sobre arquitectura e restauración, pola tarde Monumenta convida a un paseo sonoro local e singular.  O gaiteiro Pepe Temprano é a segunda xeración dos Tempranos de Eirís (o primeiro cuarteto de gaitas que houbo nas Mariñas e historia viva da gaita en Galicia). Desenvolveu toda a súa vida laboral na Fábrica de Tabacos da Coruña desde onde as súas Cigarreiras ían en romaría ata a Igrexa das Angustias.

A palabra fíaa nesta andaina Alfredo Erias,  historiador, pintor, debuxante e gravador, e director do Museo das Mariñas, en Betanzos.

18:00 Concerto na igrexa: Pedro Lamas e Xosé Lois Romero

Para pechar a xornada, as portas da igrexa ábrense a dous dos músicos de referencia nas propostas máis actuais da música galega. Pedro Lamas é saxofonista, gaiteiro, arranxista e compositor. É un músico formado na tradición, con numerosos galardóns neste campo. É fundador de prestixiosos grupos como Lelia Doura ou Luvas Verdes,  e colaborador doutros como Uxía Senlle, Guadi Galego, Susana Seivane, Nova Galega de Danza etc. Xosé Lois Romero foi formado desde neno na música popular galega, exerceu de percusionista en numerosas formacións tradicionais e, desde 1995, é membro do Grupo Tradicional da AGADIC, dependente da Xunta de Galicia, onde realiza traballos de interpretación, investigación, docencia e publicación de material audiovisual sobre patrimonio musical galego. Forma parte, con Guadi Galego e Xabier Díaz, do grupo Acadacanto.

2013, Igrexas

Igrexa de San Miguel de Osmo. Cenlle (Ourense) 16 de novembro

A igrexa de San Miguel de Osmo é un edificio de núcleo románico fortemente transformado nos séculos XVI e XVII, incluído dentro do dominio do mosteiro cisterciense de San Clodio. Os traballos de restauración realizados na sancristía sacaron á luz dous fragmentos de pintura mural nos que se atopou un texto litúrxico en latín.

16:30 Obradoiros para familias sobre restauración de pinturas e Faladoiro cos veciños e veciñas nos que se recollerán, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar

17:30 Concerto da Rondalla Alfaia de Cenlle

A actividade en Cenlle comeza pola tarde, nun espazo de encontro para aprender, compartir e falar. Tamén para recuperar a memoria e que os máis novos a coñezan. E a media tarde, comeza a festa. A Asociación Cultural Alfaia naceu no ano 2002 froito das inquietudes musicais dun grupo de afeccionados á música. Na actualidade o grupo está formado por doce membros (tres bandurras, catro laúdes e cinco guitarras) dirixidos por D. Francisco Villalonga Baños, un profesional da música con máis de corenta anos de experiencia na ensinanza dos instrumentos de pulso e púa.

O repertorio da formación é moi variada e abrangue melodías populares, clásicos intemporais da música e cancións de tuna, mostrando que o grupo non é unha rondalla ao uso, senón unha formación de carácter ecléctico.

2013, Igrexas

Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño. Chantada (Lugo) 17 de novembro

Construída entre os séculos XII e XIII, nesta igrexa románica de Nogueira de Miño destacan as pinturas murais de influencia italiana de mediados do século XVI, realizadas ao fresco. Coa actual intervención de recuperación, o Xuízo Final que decora o muro norte do templo desvélase como un dos máis importantes ciclos pictóricos da Idade Moderna galega, que destaca especialmente pola súa orixinalidade e integridade iconográfica, así como pola súa alta calidade estilística.

16:30 Obradoiros para familias sobre restauración de pinturas e Faladoiro cos veciños e veciñas nos que se recolleran, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar

17:30 Concerto da Coral Polifónica de Chantada

Entrevista e diálogos coa coral a cargo de Xurxo Souto

A programación de Monumenta en Santa María de Miño convida a achegarse a primeira hora da tarde ao labor de recuperación das pinturas desta igrexa de Chantada. O encontro permitirá tamén compartir a memoria das vivencias vinculadas a este lugar.

Unha hora despois, a música vén da man da Coral Polifónica de Chantada. Esta agrupación musical foi fundada en xullo de 1964 polos veciños de Chantada xunto co  párroco Modesto Fernández Rodríguez, que foi director da Coral ata 1992. Na actualidade conta con 34 compoñentes que traballan baixo a dirección de Marcos Fernández Varela, veciño da localidade.

Ao remate da actuación, Xurxo Souto, cantante, acordeonista, escritor, locutor e licenciado en filoloxía clásica, establecerá un diálogo cos integrantes da coral que permitirá afondar no traballo desta.

 

2013, Igrexas

Igrexa do Mosteiro de Santa María de Armenteira. Meis (Pontevedra) 23 de novembro

A primeira referencia escrita desta igrexa data de 1.162, ano no que aparece citada nos documentos oficiais da orde cisterciense. Está formada por tres naves moi simples, cubertas con bóvedas lixeiramente apuntadas. A súa singularidade baséase na combinación da austeridade arquitectónica con elementos locais de orixe mudéxar, como o ciborio cuberto cunha cúpula nervada de arcos cruzados sobre trompas. As actuacións para conservala céntranse na restauración da portada e do seu rosetón, así como do resto das fachadas.

16:30 Obradoiros para familias sobre as fachadas das igrexas e Faladoiro con visita guiada

17:30 O Mosteiro de Armenteira na fita cinematográfica. Proxección do filme histórico “Noticieiro Folk 1932” con música ao vivo

O 23 de novembro teremos a oportunidade de coñecer en detalle o valor artístico e histórico da igrexa de Santa María de Armenteira. Os máis pequenos indagarán activamente nas intervencións nas fachadas das igrexas, para despois coñecer, na visita guiada para todos os públicos, o conxunto arquitectónico de Armenteira.

A seguir comeza o “Noticiario Folk 1932”, un espectáculo que arranca coa proxección do filme histórico recuperado en 2012 por aCentral Folque e o CGAI, que se acompaña de música ao vivo –especialmente composta para a ocasión–do grupo Comisa Bal. A introdución histórica corre a cargo de Ramom Pinheiro, que falará sobre o cinema e a música nos anos 30 e, en especial, sobre a aparición do Mosteiro neste fita.

18:45 Contacontos: Charo Pita, contadora e cantante

E para rematar, sentamos a escoitar historias. Hai dúas décadas a escritora Charo Pita (A Coruña, 1966) comezou a contar relatos para nenos e adultos. Hoxe é un referente da narración oral de Galicia. Amante da palabra en todas as súas posibilidades, gañou premios literarios e publicou libros infantís, relatos para adultos, libros de poemas, así como artigos sobre a narración oral e a creación literaria en revistas especializadas.

2013, Igrexas

Igrexa do Mosteiro de San Clodio. Leiro (Ourense) 24 de novembro

San Clodio de Leiro é un mosteiro da orde cisterciense fundado no século VII, cunha igrexa de estilo románico de transición. A fachada é do século XIII, dunha feitura semellante á de Meira e Armenteira. A distribución espacial interior segue a tipoloxía característica do Císter: unha planta basilical de tres naves de catro tramos, separadas por piares cadrados con columnas acaroadas nas frontes. Na ábsida estanse a recuperar unhas interesantes pinturas murais que conforman unha gran composición con imaxes do Xuízo Final, escenas da crucifixión de Cristo e o martirio de san Sebastián.

16:30 Talleres para familias sobre restauración de pinturas e Visita guiada

17:30 Concerto acústico de María do Ceo

A restauración das pinturas e o achegamento ao valor arquitectónico e artístico de San Clodio centrarán a programación da primeira parte da xornada. Despois, acomodámonos para escoitar a María do Ceo, unha cantante de fado galega, residente en Ourense, pero nacida na cidade portuguesa de Porto. Din dela os críticos que nos achega o Fado como ata ninguén o fixera antes, unindo as súas múltiples influencias ao sentir portugués e á dozura natural do idioma galego. María do Ceo está dotada de calidades vocais excepcionais, envolve de inmediato ao público nun ambiente máxico. Cunha sólida carreira internacional -foi recoñecida e condecorada como embaixadora da cultura galega no mundo- ten sempre o Fado como inspiración primordial.

2013, Igrexas

Mosteiro de San Xusto de Toxos Outos. Lousame (A Coruña) 30 de novembro

Fundado en 1131, foi un dos catorce mosteiros cistercienses máis importantes de Galicia ata o seu abandono no século XIX. O claustro foi vendido a un nobre que o colocou no seu pazo da Pena de Ouro, en Noia. Consérvase o seu muíño e a casa reitoral, que foron rehabilitados. A igrexa é un exemplo de sinxelo barroco rural e ao seu lado sur ficaba, ata os primeiros anos do século XX, parte dun claustro románico do século XIII.

16:30 Obradoiros para familias sobre restauración: pintura, retablos e cubertas e Faladoiro cos veciños e veciñas nos que se recollerán, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar

17:30 Concerto acústico de música antiga Grupo 1500

Ademais de coñecermos o conxunto das intervencións acometidas recentemente no conxunto do mosteiro, esta tarde será unha oportunidade para o encontro coas veciñas e veciños do lugar, para achegármonos, da boca deles, á memoria das vivencias recentes destes muros. Despois, o grupo 1500. Dirixido por Andrés Díaz, é unha formación vocal e instrumental dedicada á interpretación da música antiga. O seu repertorio abrangue desde a música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media, ata a música do Renacemento e primeiro Barroco, tomando como referente central o ano 1500 que lle dá nome ao grupo.

Os e as e compoñentes de 1500 contan cunha ampla traxectoria concertística, como membros ou colaboradores doutras formacións de ámbito nacional e internacional e teñen ofrecido numerosos concertos en Galicia, España e no resto de Europa.

2013, Igrexas

Igrexa do Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá (Lugo) 1 de decembro

O mosteiro é un referente do Barroco galego que foi declarado monumento histórico-artístico no ano 1974. A construción da igrexa foi iniciada no ano 1732 e acabada polo mestre Casas Novoa (a fachada e a parte alta do interior) como ensaio da fachada do Obradoiro. Os traballos de cantería realizados recuperaron parte dos elementos ornamentais da fachada do templo, que destaca pola súa gran vistosidade.

11:30 Obradoiros infantís sobre as fachadas das igrexas

17:00 Perfomance musical e poética de UgMOV, con Ugia Pedreira e Marina Oural Villapol

Monumenta prepara en Lourenzá unha xornada completa de achegamento ao patrimonio e á creatividade. De mañá, os máis cativos poden achegarse aos obradoiros para saber máis das entradas das igrexas. E pola tarde, Unha faba, unha vida… unha performance músico-poética de UgMov. A poesía e a composición musical son o sentimento das hortas do Val de Lourenzá e os mares fondos da Mariña onde a faba pasa a ser obxecto de declamación. Ser ou non ser… de aldea é a gravidade que apuxa a que estas dúas artistas unan o seu traballo na palabra, na música e no corpo.

Ugia Pedreira *Ug, accede á a súa voz máis íntima e ás súas composicións máis gardadas. Marina Oural Villapol*, MOV, vai ás palabras sentidas pola vida e recitará os versos que lle saíron da alma. Os mundos delas atopáronse nas Altas Terras do Norte, no sentido tácito que dá un espazo-tempo na casa patrucial, desde unha infancia crúa e riquísima a unha adolescencia soñadora mar por medio.

2013, Igrexas

Igrexa da Santa Cruz de Terroso. Vilardevós (Ourense) 7 de decembro

Existen indicios de que esta igrexa foi erixida no ano 1893. Situada no interior do vilar, rodeada dun adro delimitado por muros de cachote, é un templo de estilo historicista, de trazas sinxelas e amplos espazos para o culto.

16:30 Faladoiro cos veciños e veciñas nos que se recollerán, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar

17:00 Teatro de rúa, para todos os públicos, cunha recreación histórica co Grupo de Teatro Os Quinquilláns

17:30 Concerto acústico homenaxe a Ángel Barja Iglesias  a cargo dun cuarteto de corda do Conservatorio de Vigo

 

Tras un tempo de conversa para recuperar e compartir a memoria do lugar vinculada á igrexa de Santa Cruz, Monumenta convida a unha sesión de 20 minutos co grupo “Os Quinquilláns – Teatro” na que os espectadores se achegan á historia do lugar, ao seu xeito de vida, os seus conflitos…

Sinopse: ELVIRA está alindando na VACA arredor da igrexa. ELVIRA pretende que a vaca non se achegue á xente e que atenda a pacer, pero A VACA quere contarlle a historia da igrexa e moitos dos aconteceres que hai alí. Cando a xente atende a VACA, ELVIRA móstralles moitas das herbas e remedios menciñeiros que hai arredor da igrexa e do avogosas que foron moitas santas para moitas enfermidades…

E para pechar a xornada, concerto do cuarteto de Corda do conservatorio de Vigo. Mario Peris Salom, Manuel Antonio Sabuedo Maña, David López López e
Beatriz Laborda interpretarán o Cuarteto de corda nº 1 en Re maior (1969)  do  falecido Ángel Barja Iglesias, natural de Terroso. Este músico, ao longo da súa prolífica carreira, este escribiu  música sinfónica, de cámara, para piano, para órgano e máis de douscentos títulos de música coral e vocal en castelán, francés, italiano, latín, galego, catalán e éuscaro.

2013, Igrexas

Igrexa de San Pedro de Moreiras. Toén (Ourense) 8 de decembro

Esta monumental igrexa rural do século XVIII, de orixe románica, conta cunha fachada de decoración barroca rematada por dúas torres desiguais de traza renacentista. No interior, trabállase na restauración do retablo de santa María, obra renacentista de gran valor patrimonial, datado arredor do século XV e situado no brazo esquerdo do cruceiro.

11:00 Obradoiros infantís sobre a restauración de retablos

Micro concerto para campás, cuncas tibetanas e zanfona con Ariel Ninas

As campás da igrexa, elementos comunicativos centrípetos na cultura occidental (Murray Schafer, The tunning of the world, 1977), aínda gardan na memoria colectiva un importante oco na nosa imaxinación. Aínda máis as campás da parroquia rural. Despois dos obradoiros infantís, seguindo este dito sobre as campás de Toén, Ariel Ninas propón un micro concerto de 15′ para campás, cuncas tibetanas e zanfona buscando a complicidade do espectador e “chamar á oración” ao ouvinte coa intención de forzar a inmersión sonora na súa escoita con estes instrumentos de cativadoras propiedades psicoacústicas.

12:30 Concerto acústico de S@X 21 en formato dúo

S@X 21 son Diego García, Nacho Casas, Pablo Coello e Rafael Yebra. Profesores de saxofón dos distintos Conservatorios de Galicia e da Escola Municipal de Ourense e das Bandas de Música de Ourense e Santiago. Mais aló da tradicional concepción do cuarteto de saxofóns, eles traballan en múltiples combinacións e permutacións instrumentais segundo as diferentes posibilidades do programa. Nesta oportunidade, en formato dúo, a música que interpretarán son transcricións de música do Renacemento adaptadas para  un instrumento máis novo como o saxofón, emulando así unha restauración musical para esta actuación en San Pedro de Moreiras, cun retablo  do século XV.