2013

Actividades na igrexa de San Pedro de Moreiras, Toén (Ourense) o pasado 8 de decembro

A igrexa de San Pedro de Moreiras acolleu a última actuación do ciclo Monumenta. Nesta ocasión, os rapaces e as rapazas de Toén construíron o seu propio retablo no lugar onde actualmente traballa o equipo de restauración. Da man da restauradora Carlota López, coñeceron os procesos que se están levando a cabo neste gran retablo renacentista. En paralelo, a actuación da Rondalla de Moreiras “A.C. Breogán” durante o oficio relixioso.

Despois dos obradoiros, Belén Bermejo e Ariel Ninas fixeron unha performance sonora con  campás, cuncas tibetanas e zanfona xunto co recitado de cancións en lingua occitana.

Para rematar, os asistentes gozaron da actuación do grupo S@X21, cunha orixinal adaptación da música do Renacemento.

2013

Actividades na igrexa de Santa Cruz de Terroso, Vilardevós (Ourense) o pasado 7 de decembro

A tarde en Terroso de Vilardevós (Ourense) comezou cun faladoiro no adro da igrexa cos veciños e veciñas do lugar onde os máis maiores lembraron tradicións e historias relacionadas coa igrexa.

Dentro da programación, a sesión teatral do grupo “Os Quinquilláns”congregou a máis de setenta persoas, que se achegaron a escoitar as historias do contrabando na fronteira con Portugal.

Xa no interior da igrexa de Santa Cruz, homenaxeouse a figura do compositor Ángel Barja Iglesias, natural de Terroso, cun concerto acústico a cargo dun cuarteto de corda do Conservatorio de Vigo que interpretaron o Cuarteto de corda nº 1 en Re maior do falecido músico.

O acto rematou coas actuacións de dous veciños,  dona Concha, de 91 anos, que interpretou un canto que antigamente acompañaba á procesión de Venres Santo en Terroso e de Berto que interpretou unha panxoliña acompañado da súa guitarra.

2013

Actividades na igrexa do Mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá (Lugo) o pasado 1 de decembro

A redor de 22 nenos e nenas asistiron o domingo pola mañá aos obradoiros de restauración que se centraron esta vez nas fachadas, por ser a obra de restauración levada a cabo na igrexa de San Salvador de Lourenzá.

A actuación das cinco da tarde, “Unha faba, unha vida…”, ofreceu unha performance músico-poética de UgMove, isto é, Ugía Pedreira e Marina Oural Villapol, na que as dúas artistas uniron o seu traballo nunha palabra.

2013

Actividades no Mosteiro de San Xusto de Toxos Outos, Lousame (A Coruña) o pasado 30 de novembro

Sete familias achegáronse o sábado a este mosteiro cisterciense fundado en 1131 para participar nos obradoiros de restauración onde, unha vez máis, pequenos e maiores aprenderon diferentes técnicas e fases relacionados con este proceso.

Ás 17:30 deu comezo o concerto de música antiga do grupo 1500, cun repertorio que toma como referente central o ano 1500. Dirixido por Andrés Díaz, 1500 é unha formación vocal e instrumental e os seus membros contan cunha ampla traxectoria concertística.

2013

Actividades na Igrexa do Mosteiro de San Clodio. Leiro (Ourense) o pasado 24 de novembro

A restauración das pinturas murais atopadas na ábsida de Santa María de San Clodio de Leiro centraron a programación da primeira parte da xornada. Da man de Uxía Aguiar, coordinadora do equipo de restauración de Parteluz Estudio, os asistentes puideron achegarse aos traballos que se están levando a cabo na recuperación deste patrimonio artístico e arquitectónico. Ao mesmo tempo, puxeron en práctica o explicado a través dun obradoiro de restauración no claustro do Mosteiro.

As 17:30 tivo lugar o concerto de María do Ceo. A fadista portuguesa afincada en Galicia somerxeu ao público na nostalxia do fado, acompañada nos seus temas por unha guitarra española e un laúde.

 

2013

Actividades na igrexa do Mosteiro de Santa María de Armenteira, Meis (Pontevedra) o pasado 23 de novembro

Nesta xornada, as actividades estiveron centradas nas fachadas das igrexas e, en especial, na intervención na fachada de Santa María de Armenteira.

Ás 17:00, Mario Gallego Rei, cronista oficial de Meis, expuxo os resultados das súas pescudas na historia dun municipio que foi lugar de paso e do que pouco se sabía ata que el chegou.

Continuou a xornada coa proxección do filme histórico “Noticiario Folk 1932”,  recuperado en 2012 por aCentral Folque e o CGAI. Despois da introdución histórica a cargo de Ramom Pinheiro, esta proxección acompañouse de música ao vivo –especialmente composta para a ocasión– do grupo Comisa Bal.

Para rematar, as familias asistentes puideron escoitar as historias de Charo Pita, referente da narración oral de Galicia.

2013

Actividades na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño. Chantada (Lugo) o pasado 17 de novembro

O acto comezou ás 16:30 co toque de campás de Camilo, que serviu de introdución. A seguir, Xurxo Souto, estableceu un faladoiro cos veciños e con diferentes persoas ligadas a Nogueira de Miño. A primeira intervención foi a de Toño, veciño de Nogueira que contou diferentes anécdotas relacionadas con esta Igrexa, seguido do escritor chantadino Xosé Lois García, que fixo unha contextualización histórica das pinturas eda Igrexa no entorno. Estes diálogos pecháronse coa intervención dunha representantedo equipo de restauradores, de CREA Restauración, que explicou o traballo realizado coas pinturas recuperadas.

A partires das 17:30 actuou Coral Polifónica de Chantada. Esta agrupación musical conta con 34 compoñentes que traballan baixo a dirección de Marcos Fernández Varela, veciño da localidade. Paralelamente tiveron lugar obradoiros de restauración  nos que se empregaron imaxes da propia Igrexa de Nogueira.

2013

Actividades na igrexa de San Miguel de Osmo, Cenlle (Ourense) o pasado 16 de novembro

A actividade comezou coa visita ás pinturas murais recuperadas na sacristía e na nave da igrexa de San Miguel. Inmediatamente despois, os asistentes participaron dun obradoiro sobre restauración de pinturas onde recibiron explicacións prácticas con recreacións dos tres momentos principais desta restauración: desencalado, limpeza e reintegración cromática das pinturas. No faladoiro posterior cos veciños e coas veciñas recolléronse as lembranzas vinculadas ao lugar a través dunha conversa interxeneracional na cal os máis novos puideron achegarse ao patrimonio colectivo dende a ollada e a memoria dos seus maiores.

As 17:30 tivo lugar o concerto da Rondalla Alfaia de Cenlle. Este grupo de músicos está formado por doce membros dirixidos por D. Francisco Villalonga Baños, un profesional da música con máis de corenta anos de experiencia na ensinanza dos instrumentos de pulso e púa.

2013

Actividades no santuario da igrexa das Angustias de Betanzos o pasado día 10 de novembro

A actividade comezou pola mañá cos obradoiros infantís sobre arquitectura e restauración no Liceo de Betanzos e proseguiu á primeira hora da tarde cun paseo sonoro que partiu da Estación de Infesta. Neste participaron os gaiteiros “Pepe Temprano e os seus Mariachis” e Alfredo Erias, director do Museo das Mariñas, que actuou como narrador. O acto rematou coa actuaciónde Pedro Lamas e  Xosé Lois Romero, que ofreceron un concerto no interior do santuario.