2018, Camiñantes históricos, Música, Paisaxe, Patrimonio

6. Emilia Pardo Bazán e os Pazos de Ulloa

DATOS

Día: sábado 25 de agosto
Hora de saída: 10:30 h
Hora de regreso estimada: 14:30 h
Distancia: 6 km
Dificultade: media
Observacións: hai un pequeno tramo de asfalto, pero case todo o percorrido transcorre por un camiño de terra co chan irregular de pedra, polo que é fácil tropezar se non se presta atención. O último tramo consta dunha pendente pronunciada, aínda que fácil de subir.

Punto de encontro: Igrexa de San Miguel de Coence, Palas de Rei, Lugo.
Custo do transporte: castelo de Pambre – Igrexa de San Miguel de Coence, 5 euros por persoa.

Normas específicas:
http://monumentagalicia.com/normas-especificas-para-andainas. 

COMO CHEGAR: desde Palas de Rei, cóllese a LU-P-4002, dirección Antas de Ulla. A 6 km, débese tomar un desvío á esquerda e continuar cara á igrexa.

Ligazón:
https://goo.gl/maps/NysAVP48ZhP2

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

A terra de Ulloa é un territorio con entidade propia vinculado á liñaxe dos Ulloa desde a plena Idade Media, como mostra o seu apelido toponímico. A súa presenza maniféstase no territorio a través da edificación de varias fortalezas e casas fortes das que o castelo de Pambre é un exemplo que perviviu ata os nosos días. Neste pequeno traxecto imos percibir como o territorio se estrutura arredor de elementos relixiosos, manifestacións do poder civil como o castelo onde reside a aristocracia e os camiños que permiten as comunicacións e o transporte.

MONUMENTA DIVULGA
Coñeceremos o románico en Ulloa e percorremos un novo Camiño Real. Por unha desas vías secundarias do camiño xacobeo chegaremos ata o castelo de Pambre. Os seus construtores son os Ulloa, unha das linaxes nobres galegas máis distinguidas dos últimos séculos do medievo, que o converten no espazo principal da familia a finais do século XIV. O seu simbolismo traspasa o ámbito do particular para converterse nun dos emblemas da comarca e parte do escudo do propio municipio de Palas de Rei.

MONUMENTA ESCOITA
Francisco Romualdo é un espléndido contacontos que, coa zanfona e o poderío máxico da súa voz, percorre Galicia cos cantos e romances de cego.

  • Prazas limitadas a 100 persoas. Admisión por orde de inscrición

 

  • Formulario de inscrición para esta andaina do 20 ao 24 de agosto

 

2018, Natureza, Paisaxe, Patrimonio

5. O Camiño Real a San Pedro de Rocas

DATOS

Día: domingo 19 de agosto
Hora de saída:
10:30 h
Hora de regreso estimada: 14:30 h
Distancia: 3 km ida e 3 km volta
Dificultade: baixa
Observacións: case todo o percorrido transcorre por un camiño de monte, co chan irregular de pedra que non presenta dificultades, pero require prestar especial atención para non tropezar e caer.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Esgos. Praza do Cruceiro, 32720. Esgos.

COMO CHEGAR: desde A Guarda, na subida ao monte Trega, débese coller a avenida Paseo Portugal.
Ligazón: https://goo.gl/maps/izix7nrhs6n

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
En edicións anteriores, despois de coñecer Santa Eulalia de Bóveda (Monumenta 2015) e Santa Mariña de Augas Santas (Monumenta 2017), faltábanos esta visita ao que está considerado o terceiro centro dos inicios do cristianismo e da vida monástica en Galicia. Este templo excepcional será a derradeira parada dun percorrido polo chamado Camiño Real, que desde Esgos aínda conserva o seu pavimento, as marcas das carruaxes e, sobre todo, o paso do tempo entre unha vexetación desbordante e fermosa.

MONUMENTA DIVULGA
Repasaremos a historia dos camiños: desde as vías romanas e as vías mediavais, ata os camiños reais, que deron lugar a parte das estradas da actualidade. Falaremos das árbores, muros, penedos e petos de ánimas protagonistas desta obra mestra dos camiños galegos. Esta viaxe rematará coa visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas, estreitamente relacionado co evanxelizador da época sueva San Martiño Dumiense desde o ano 573. Polo tanto, foi un dos primeiros da Rivoyra Sacrata e o máis antigo que se conserva en Galicia.

MONUMENTA ESCOITA
Desde Ourense uníronse os talentos de experimentados músicos que formaran parte de Niño y Pistola, Blood Filloas, O Sonoro Maxín, Annie Hall, Haecceidad ou Cinnamon Gun e agora son Os Amigos dos Músicos. Nestes anos acadaron premios como a mellor banda de pop nos Premios Martín Códax da Música Galega 2017, ademais de ser finalistas dos Premios min 2017 na categoría de mellor álbum en galego polo LP Os amigos dos músicos (2016).

  • Prazas limitadas a 90 persoas. Admisión por orde de inscrición

 

  • Formulario de inscrición para esta andaina do 08 ao 17 de agosto

 

2018, Camiñantes históricos, Ciencia, Paisaxe, Patrimonio

2. Os alicerces da botánica e a meteoroloxía galegas: da Pasaxe á Guarda co pai Baltasar Merino

DATOS

Día: domingo 5 de agosto
Hora de saída:
10:30 h
Hora de regreso estimada: 14:30 h
Distancia: 5,5 km
Dificultade: baixa
Punto de encontro:  Estación Marítima da Guarda (ferri a Camiña). Segunda República, s/n, 36788. A Guarda.
Custo do transporte: A Guarda – A Pasaxe, 5 euros por persoa.

COMO CHEGAR: desde A Guarda, na subida ao monte Trega, débese coller a avenida Paseo Portugal.

Ligazón: https://goo.gl/maps/hSiqbUvacC12

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
No último cuarto do século xix o burgalés Baltasar Merino, xesuíta, chega a Galicia para impartir docencia no colexio da Pasaxe e atenuar as súas doenzas físicas nas bondades do noso clima. Desde este lugar, a lombo de equinos, viaxou por Galicia nun percorrido que lle permitiu descubrir e sistematizar gran parte da súa vexetación, do cal xurdiu, en 1905, a Flora descritiva e ilustrada de Galicia, unha obra aínda en vixencia un século despois. Preocupado polos perigos dos temporais para a vida da xente do mar, foi pioneiro na aplicación dos coñecementos meteorolóxicos á predición do tempo e á salvagarda dos pescadores.

MONUMENTA DIVULGA
Tomando como referencia o pioneiro labor científico de Merino como botánico e meteorólogo, e analizando a importancia da súa obra para Galicia e para a ciencia de inicios do século xx, abordaremos os distintos ambientes ecolóxicos deste sector da costa galega a través da distribución das súas plantas. Ensinaremos como se fan inventarios e transeptos de vexetación, así como técnicas básicas de herborización. Observaremos as nubes e valoraremos as súas características cara á predición do tempo. Non deixaremos de lado a presentación doutros valores da zona como os arqueolóxicos, etnográficos e de aproveitamento protoindustrial do patrimonio natural.

MONUMENTA ESCOITA
MJ Pérez
é unha das novas voces do panorama actual da música galega que está pisando forte. Logo de dous discos autoproducidos e de case 100 concertos por toda Galicia, agora presenta Casandra. Trátase do terceiro disco, e o primeiro de estudio, da artista arzuá, no que ademais conta con colaboracións especiais como son Paco Cerdeira, Ailén Kendelman ou Richi Casás.

  • Prazas limitadas a 90 persoas. Admisión por orde de inscrición

 

  • Formulario de inscrición para esta andaina do 30 de xullo ao 03 de agosto

 

2018, Natureza, Patrimonio

1. A muralla de Lugo: patrimonio da humanidade e fogar dos vencellos

DATOS

Día: sábado 4 de agosto
Hora de saída:
11:00 h
Hora de regreso estimada: 14:00h
Distancia: 2,266 km
Dificultade: baixa
Itinerario: comezaremos o itinerario na Domus do Mitreo e percorreremos integramente a muralla.
Punto de encontro: Porta de Santiago, Domus do Mitreo. Praza Pío XII, 4, Lugo.

Ligazón: https://goo.gl/maps/mp7qtxuoVps

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO
A muralla de Lugo celebra en novembro de 2018 18 anos como patrimonio da humanidade. Con esta declaración produciuse unha transformación na percepción do monumento, que pasou de ser considerado un obstáculo para o crecemento urbanístico de Lugo a converterse nun factor de desenvolvemento da cidade. A conservación da muralla supuxo un reto, que impulsa cada ano novas investigacións en diferentes áreas do coñecemento, por exemplo, o patrimonio natural.

MONUMENTA DIVULGA
A construción da muralla romana introduciu cambios na fisionomía da cidade antiga. Algúns edificios quedaron cortados polo seu trazado, como sucedeu coa Domus do Mitreo, punto de partida da andaina. Ao longo do percorrido, poderemos observar os cambios urbanísticos que se produciron na contorna da muralla nestes últimos anos, as intervencións arqueolóxicas ligadas á súa conservación e os novos modos de integrar o patrimonio natural no patrimonio cultural, porque os vencellos aniñan entre as súas pedras e son parte da mesma paisaxe.

INSCRICIÓN

  • Prazas limitadas a 80 persoas. Admisión por orde de inscrición 
  • Formulario de inscrición para esta andaina do 30 de xullo ao 03 de agosto

 

2017, Camiñantes históricos, Música, Paisaxe, Patrimonio

8. Alan Lomax e os afiadores dos Peares

NOGUEIRA DE RAMUÍN, OURENSE
Domingo 27 de agosto 10:30 h

• PUNTO DE ENCONTRO
Zona de estacionamento no acceso ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Como chegar: desde Ourense, tomar a provincial OU-536 cara á Pobra de Trives. Ao pasar o encoro de Castadón, hai que desviarse pola OU-0507 e despois coller a OU-0508, sempre seguindo os sinais do mosteiro de Santo Estevo.

• Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

Desde o contorno monumental do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, con primitiva fábrica románica, mais con referencias que nos remontan ao propio san Martiño de Dumio (século VI), achegarémonos á figura do afiador, un elemento referencial da etnografía popular e que ten epicentro neste concello de Nogueira de Ramuín. A relación entre a súa roda nómade e a música propiciou un rexistro histórico:
a gravación que lle fixo en 1952 o musicólogo norteamericano Alan Lomax, na aldea de Faramontaos, a Xosé María Rodríguez, capador e afiador de Nogueira. Melodía que mesmo chegaría a recrear o mítico trompetista Miles Davis nun dos temas do álbum Sketches of Spain.

 

• MONUMENTA DIVULGA

Nas dependencias do museo de Santo Estevo exhíbense rodas, coitelos e outros aparellos propios deste oficio. Son parte da colección de Florencio de Arboiro, un dos maiores eruditos na materia. Da súa man, descubriremos algunha das historias que protagonizaron os afiadores de Nogueira por todos os camiños e recibiremos unha clase de iniciación no barallete, a xerga profesional do gremio, probablemente a máis rica en vocabulario de todas as da Península Ibérica. Tamén teremos noticia do verbo dos xingros, a xerga profesional dos músicos de Ourense, absolutamente descoñecida noutras latitudes.

• CAMIÑANTES CONVIDADOS

Florencio de Arboiro, etnógrafo e escultor, creador da Casa das Rodas, en San Xoán de Río, onde exhibe a impresionante colección de rodas de afiar que foi adquirindo e restaurando durante máis de 30 anos.
Cristina Asenjo, profesora de música no ensino secundario e acordeonista do conxunto O Sonoro Maxín. É natural de Alongos, terra de músicos, onde aínda se mantén viva a memoria do antigo verbo dos xingros.
Acompañados en formato de barriografía ou parladoiro iti- nerante polo músico e escritor Xurxo Souto.

••• A ANDAINA

Hora de saída: 10.30 h
Hora de regreso estimada: 14.00 h
Distancia: 5 km
Dificultade: baixa

Itinerario: saída das inmediacións do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na zona de aparcadoiro de autobuses. Visita ao mosteiro e á exposición permanente de Florencio de Arboiro. Despois iniciaremos a andaina circular, percorrendo algunhas pasaxes do antigo camiño real desde Os Peares e da ruta oficial Maquino Largaño. Tamén visitaremos Paradela e o miradoiro do Castro, para volver despois ao mosteiro.

Observacións: a ruta discorre principalmente por camiños e pistas de terra, entre arboredo, e ten varias pendentes con desnivel medio-baixo.
Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), auga e un petisco.
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
Inscrición previa: prazas limitadas a 100 persoas. Imprescindible inscrición, do 17 de agosto ao 24 de agosto, na web: http://monumentagalicia.com. Admisión por orde de inscrición.

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN PARA ESTA ANDAINA DO 17 DE AGOSTO AO 24 DE AGOSTO

2017, Camiñantes históricos, Paisaxe, Patrimonio

6. Pola Costa da Morte con Ruth Matilda Anderson e Manfred Gnädinger

CAMELLE, CAMARIÑAS
Domingo 20 de agosto 10:30 h

• PUNTO DE ENCONTRO
Museo de Man, en Camelle.

Como chegar: antes de chegar a Camariñas pola AC-432, na entrada da parroquia da Ponte do Porto (Camariñas), hai que coller á man dereita o desvío a Camelle pola DP-1601. Pódese aparcar no peirao.

• Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

A finais do século xix, tres naufraxios –Iris Hull, 1883; Serpent, 1890; e Trinacria, 1893– marcaron para sempre esta parte de Galicia. Os mariñeiros ingleses bautizárona como A Costa da Morte e a prensa da época fíxose eco das súas traxedias. En contextos diferentes, e acudindo á chamada desas lendas, chegaron os nosos camiñantes. A fotógrafa americana Ruth Matilda veu a finais de 1924 e a principios de 1926, por encargo da Hispanic American Society, e documentou a realidade social do país. Pola súa parte, o artista alemán Manfred Gnädinger (Man) chegou a Camelle en 1962 e aquí quedou, percorrendo a Costa da Morte nunha viaxe que remataría para el corenta anos máis tarde con outro afundimento, o do petroleiro Prestige.

• MONUMENTA DIVULGA

Nesta andaina faremos unha viaxe no tempo pola paisaxe natural e cultural da Costa da Morte, falando das relacións entre o territorio, a poboación local e ese océano Atlántico xuíz e parte da xeografía e da memoria. En Galicia, Ruth Matilda atopou a personalidade do pobo galego nas xentes do campo, do mar e nos oficios urbanos artesanais ou de menor categoría, na liña dos fotógrafos contemporáneos norteamericanos. Pola súa parte, Man desenvolveu unha actividade artística que podemos encadrar dentro do concepto de Land Art, que se desenvolve en Norteamérica e en Europa ao redor dos anos sesenta.

• CAMIÑANTES CONVIDADOS

Carmen Hermo, artista plástica e profesora na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. Está vinculada ao Museo do Alemán-Casa de Man e á conservación das obras de Man.
Anxo Cabada, fotógrafo, que nos introducirá na obra de Ruth Matilda Anderson e de Ramón Caamaño.
Manuel Vilar, antropólogo con numerosos traballos sobre a microtoponimia da Costa da Morte. Ángel Cerviño, artista plástico e comisario de exposicións.

••• A ANDAINA

Hora de saída: 10:30 h
Hora de regreso estimada: 18:30 h
Distancia: 14 km
Dificultade: media

Itinerario: a primeira hora, faremos unha visita ao museo e á casa de Manfred Gnädinger en Camelle para, a continuación, desprazármonos en dous minibuses que nos deixarán nas proximidades do cemiterio dos Ingleses. Desde alí iniciaremos a nosa andaina percorrendo, en dirección a Camelle, un tramo da ruta litoral polos miradoiros á praia Trece e á duna do monte Branco, polo porto de Santa Mariña e Arou.

Observacións: será unha andaina longa, que transcorre, en parte, por pistas de terra e asfalto con varios descensos e ascensos prolongados. Pararemos na metade da andaina para descansar e xantar antes de emprender a segunda parte.

Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), auga e o xantar do mediodía.
Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos afeitos a realizar andainas ao redor dos 10 km.
Entrada aos monumentos e transporte: entrada do Museo do Alemán: 1 euro por persoa. Transporte en minibus: 5 euros por persoa.

Inscrición previa: prazas limitadas a 55 persoas. Imprescindible inscrición, do 10 de agosto ao 17 de agosto. Admisión por orde de inscrición.

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

ANDAINA PECHADA

2017, Camiñantes históricos, Música, Patrimonio

7. Tras os pasos de Casto Sampedro

REDONDELA E ILLA DE SAN SIMÓN, PONTEVEDRA
Sábado 26 de agosto 17:00 h

• PUNTO DE ENCONTRO: Redondela, praza-xardíns á beira do Concello de Redondela, na avenida Redondela, Nº 82. Redondela, Pontevedra.

• Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO

Casto Sampedro Folgar (Redondela 1848–Pontevedra 1937) deixou un legado documental por descubrir, máis variado do que habitualmente lle é recoñecido. Ademais de compilador do magno Cancionero musical de Galicia e director fundador do Museo de Pontevedra, interesouse por temas de especialidades diversas, como a historia antiga e moderna, o folclore galego (de todo tipo, non só musical), a arqueoloxía (foi un dos pioneiros no estudo da arte rupestre galaica), a heráldica, a epigrafía ou a literatura.

• MONUMENTA DIVULGA

A tradicional Redondela distinguía ben entre a mariñeira Vilavella,
a rúa de Vilanova e as parroquias rurais de Reboreda e Saxamonde, por só citar as dúas máis vinculadas coa familia Sampedro-Folgar. Desde o lugar de encontro despra- zarémonos ata a casa natal de D. Casto (na antiga rúa do Ribeiro, agora chamada rúa de Reveriano Soutullo) para logo subirmos á veciña igrexa parroquial de Santiago de Redondela. A terceira parada será na rúa de Casto Sampedro, tamén en Vilavella; de alí, seguiremos baixando ata a ribeira do mar, onde repasaremos o labor de recollida dos saberes mariñeiros de Casto Sampedro. Xa en Cesantes, por barco, iremos á illa de San Simón, corazón do mar de Vigo cantado por Mendiño, Martín Códax e tantos outros.

• CAMIÑANTE CONVIDADO

Xavier Groba González, profesor de música no IES de Baiona e investigador, é especialista no estudo da música galega de tradición oral e popular.
Mª Xosé López e Alfonso Cheda acompañarán o percorrido coa gaita e a zanfona, interpretando diferentes pezas musicais recollidas por Casto Sampedro, así como unha mostra das cantigas de Martín Códax, xa na illa de San Simón.

••• A ANDAINA

Hora de saída: 17:00 h
Hora de regreso estimada: 20:00 h
Distancia: 4 km
Dificultade: baixa

Itinerario: sairemos dos xardíns do Concello de Redondela para,
a continuación, facer diferentes paradas en puntos clave na vida de Casto Sampedro, na rúa Reveriano Soutullo, onde se sitúa a súa casa natal, a igrexa de Santiago
de Vilavella de Redondela, a rúa Casto Sampedro e, despois, o porto de Cesantes. Alí, tomaremos o barco cara a San Simón, onde faremos unha visita centrada nos trobadores da ría de Vigo.

Observacións: ruta a pé e en barco. A camiñada transcorre maioritariamente por zona urbana. Necesidades específicas: calzado cómodo, chapeu, impermeable (por se chove), auga e un petisco. Prezo do barco: o barco ata a illa de San Simón ten un custo de 5 euros por billete (inclúe a volta). Barco con capacidade de 80 prazas.

Público destinatario: actividade axeitada para todos os públicos.
Inscrición previa: prazas limitadas a 80 persoas. Imprescindible inscrición, do 17 de agosto ao 24 de agosto, na web: http://monumentagalicia.com. Admisión por orde de inscrición.

Máis: info@sinsalaudio.org e no teléfono 619 637 211.

ANDAINA PECHADA. AFORO COMPLETO